A Xunta pon en valor as súas políticas para impulsar o cooperativismo na Asemblea Xeral da Confederación Española de Cooperativas de Trabajo Asociado
A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, está a participar nesta cita que se celebra en Valencia, capital española este ano da economía social
Valencia, 14 de xuño de 2024
A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, está a participar na asemblea xeral da Confederación Española de Cooperativas de Trabajo Asociado (Coceta) que se celebra en Valencia, capital española este ano da economía social, unha cita á que acudiron a secretaria de Estado de Economía Social, Amparo Merino, e representantes do sector, e que estivo centrada no relevo xeracional e a mocidade.
Mariño compartiu e intercambiou experiencias sobre as políticas que se están a desenvolver neste eido centrándose na importancia que está a dar a Xunta ao relevo xeracional para o que convocou este ano as axudas do Bono Remuda, dotado con 1,5 millóns de euros para fomentar o traspaso de negocios e garantir a súa permanencia no seo do tecido produtivo galego.
A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración está a destinar para 2024 máis de 43,6 millóns de euros á economía social, un investimento que se artella en tres grandes eixos de actuación: a difusión da economía social, a creación e consolidación de iniciativas e a promoción do emprego inclusivo. No relativo ao cooperativismo, o orzamento destinado ás axudas este ano aumenta nun 6,7% con respecto a 2023.
Mariño destacou que o cooperativismo e unha fórmula empresarial de éxito en Galicia e que continúa a medrar: no último ano creáronse un total de 130 novas cooperativas, o que supón un crecemento do 7,69% con respecto a 2022.
A Xunta ten en execución na actualidade a 2ª Estratexia da economía social, coa que aspira a xerar 4.000 empregos e a posicionar este modelo nos sectores tecnolóxico, verde e industrial. Estase, ademais, a deseñar a nova Lei de cooperativas para adaptala aos novos tempos e axilizar a creación de entidades, un traballo no que se están a recabar as necesidades dos principais interlocutores.