Rueda reúnese cunha delegación do conglomerado chinés Citic Group para avaliar os seus proxectos en Galicia e estudar vías de colaboración futura
Sitúa á comunidade como un territorio atractivo para investir, grazas á vantaxes como a estabilidade institucional e o apoio da Administración aos proxectos estratéxicos
Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2026
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reuniuse esta mañá cunha delegación do conglomerado chinés Citic Group (China International Trust and Investiment Corporation), co obxectivo de avaliar os proxectos que o grupo xa está desenvolvendo en Galicia e estudar posibles vías de colaboración de cara ao futuro.
O Citic Group é un dos conglomerados máis grandes e diversificados de China, con presenza en sectores clave como os servizos financeiros, as tecnoloxías industriais, os materiais avanzados, as telecomunicacións ou as infraestruturas de nova xeración.
Actualmente, o grupo ten unha base produtiva no Porriño -Citic Hic Gandara Censa- que traballa na produción de grandes compoñentes para sectores como a minaría, o petróleo ou as enerxías renovables.
Na reunión, o presidente puxo en valor que Galicia se ten consolidado como un territorio seguro e atractivo para investir. Entre outras vantaxes, recordou que Galicia ofrece estabilidade institucional e seguridade xurídica, ademais dunha posición xeográfica estratéxica e un apoio decidido da Administración autonómica á hora de facilitar e axilizar a implantación de proxectos de calado no territorio galego.
Esta reunión encádrase nunha serie de contactos previos con este grupo empresarial. Neste sentido, cómpre recordar que Rueda se reuniu co presidente de Citic en maio do ano pasado; e que a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, mantivo un encontro cos seus representantes durante a viaxe a China do mes de abril.