O presidente da Xunta inaugurou hoxe a III Feira de transporte de viaxeiros por estrada Expobus Iberia 2023

Rueda destaca a aposta da Xunta polo transporte público con medidas como a gratuidade das liñas interurbanas de autobús para mozos e maiores

Pon en valor que a Xunta inviste cada ano 100 millóns de euros no transporte público autonómico

Silleda (Pontevedra), 16 de novembro de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe a aposta da Xunta polo transporte público, que se traduce en medidas como a gratuidade das liñas interurbanas de autobús para os menores de 21 anos, que se estenderá tamén aos maiores de 65 anos a partir do próximo ano.

Así o sinalou hoxe durante a inauguración da III Feira de transporte de viaxeiros por estrada Expobús Iberia 2023, que se celebra ata o sábado en Silleda, na Feira Internacional de Galicia Abanca.

No acto, no que estivo acompañado pola conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, precisou que, grazas ás medidas da Xunta, os maiores galegos tamén poderán viaxar de balde -igual que xa fan os mozos- nas máis de 3.500 liñas de transporte interurbano que dependen da administración autonómica, ademais de no barco da ría de Vigo e no FEVE da comarca de Ferrol. Para beneficiarse desta bonificación, só necesitarán pagar a súa viaxe coa Tarxeta de Mobilidade de Galicia, que se pode solicitar nas oficinas de Abanca.

O titular do Executivo galego explicou que o autobús é un medio de transporte fundamental para unha comunidade como Galicia, cunha poboación moi dispersa e unha orografía complexa. De aí que o Goberno galego teña feito unha importante aposta nos últimos anos por renovar o mapa de liñas e por facelo máis eficiente. Así, cada ano a Xunta inviste 100 millóns de euros no transporte público autonómico, un esforzo inversor que permitiu pasar das 900 liñas ás 3.500 actuais, ou a que o 90% da poboación dispoña hoxe dunha parada a 500 metros da súa casa.

Por último, Rueda reafirmou o compromiso da Xunta para seguir apoiando ás empresas do transporte por estrada de viaxeiros; e eloxiou que, grazas a Expobus, Galicia se sitúe como escaparate a nivel nacional e internacional de todas as novidades relacionadas con este sector.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/11/2023