O presidente da Xunta impartiu unha conferencia hoxe en Madrid no almorzo informativo organizado por Nueva Economía Fórum

Rueda insta a defender a igualdade dos cidadáns e o equilibrio territorial na España das autonomías

Urxe a convocatoria dunha Conferencia de Presidentes para abordar o futuro do país desde a multilateralidade

Pon en valor o modelo de estabilidade que representa Galicia, que permite que o Goberno galego teña a capacidade de seguir adoptando medidas pioneiras

Recorda que ningún cargo, ningún home e ningunha responsabilidade pode situarse por enriba da igualdade dos españois e dos galegos

Madrid, 17 de novembro de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, instou hoxe a defender os principios do modelo da España das autonomías que, durante as últimas décadas, blindou o equilibrio territorial e a igualdade entre todos os españois. Neste sentido, e referíndose a actual situación política, urxiu a convocatoria dunha Conferencia de Presidentes para abordar o futuro da España autonómica desde a multilateralidade.

 

Así o defendeu hoxe durante a súa conferencia no almorzo informativo organizado en Madrid por Nueva Economía Fórum, no que foi presentado polo expresidente do Goberno, Mariano Rajoy.

 

Durante a súa intervención, o titular do Executivo galego destacou a importancia das comunidades como territorios solidarios e como responsables da xestión dos servizos públicos. Así, reflexionou sobre o deber dos gobernos autonómicos de equilibrar as súas contas e rexeitou a España asimétrica que se nos quere impoñer, na que tamén están presentes a desigualdade nas infraestruturas e a desigualdade xurídica nas conexións coa alta velocidade con Portugal ou o desenvolvemento do Corredor Atlántico. Tamén fixo fincapé en como se está impedindo que Galicia xestione o seu litoral.

 

Alfonso Rueda aclarou que, fronte ao enfoque no debate que marcará esta lexislatura, “somos os responsables de que todo isto non o leve por diante unha ambición persoal”. Así, instou a denunciar sempre os privilexios e defender a igualdade, asegurando que a nosa comunidade usará todos os resortes do Estado de dereito para defenderse.


 

Galicia, illa de estabilidade

Citou a Galicia como un exemplo de “illa de estabilidade”, o que permite que o Goberno galego teña a capacidade de seguir adoptando medidas pioneiras, centradas en atender as necesidades dos cidadáns.

 

Entre outras iniciativas, Galicia terá un bono único en España de 5.000 euros para coidar a persoas dependentes no seu fogar, e un complemento de 1.200 para os que están nunha residencia; un bus que xa é gratuíto para os menores de 21 anos e que se estenderá o próximo ano aos maiores de 65 anos.

 

Na súa intervención, Rueda tamén instou ao Goberno central a que axilice a mobilización dos fondos europeos. Nos tres primeiros trimestres de 2023, a Administración Xeral adxudicou menos do 30% dos fondos que distribúe, mentres que Galicia adxudicou o 90% do que lle correspondía.  Galicia segue agardando os fondos do Goberno central para avanzar con proxectos estratéxicos como o de Altri, que continúan parados pola preocupante parálise e falta de respostas do Goberno central.

 

O presidente da Xunta de Galicia recalcou que “non se pode pactar a convivencia con aqueles que non queren a convivencia” e que “ningún cargo, ningún home e ningunha responsabilidade” pode situarse por enriba da igualdade dos españois e dos galegos, independentemente das ideoloxías.

 

Rueda rematou defendendo que a política autonómica, “entendida con responsabilidade”, é un sinónimo de unión para todos os españois e falou da dignidade de Galicia como ben que “se defenderá con civismo e firmeza”.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/11/2023