A Xunta expón as fotografías, pinturas e esculturas finalistas do Xuventude Crea 2023 na igrexa da Universidade de Santiago de Compostela
Lucía Castro Álvarez, en Fotografía, e Abraham Alonso Méndez, en Artes Plásticas, son os gañadores desta edición
A mostra das obras finalistas estará aberta ao público ata o 9 de decembro de 2023
A Xunta de Galicia premia as mellores creacións en Fotografía e Artes Plásticas co programa Xuventude Crea 2023. Lucia Castro Álvarez, con ‘Todos levamos sal nos ollos’, fíxose co primeiro posto no certame de Fotografía; mentres que Abraham Alonso Méndez, coa súa pintura ‘IA 1993’, venceu na modalidade de Artes Plásticas.
As outras creacións galardoadas polo xurado do Xuventude Crea foron en Fotografía as seguintes: ‘Ellipsism’ de Iria Álvarez Liñares resultou segunda clasificada e ‘Persoas’ de Alejandra del Carmen Vera Echegaray quedou en terceiro lugar. Tamén houbo dúas mención de honra para Naiara Ayelen Carrazza Ibáñez por ‘Paisaxes da alma’ e Rodrigo Cruz Gómez, pola súa obra ‘Desarraigo’.
No que atinxe ao apartado de Artes Plásticas, en segundo lugar quedou a proposta escultórica titulada ‘Cestas Corpo’ de Yuxara Covelo Camesell, e o terceiro premio recaeu en Nerea Cordeiro Cerviño pola súa creación pictórica ‘Cidades telaraña’. Ademais, concedéronse dúas mencións de honra a Iago Fontoira Araujo, que presentou a escultura ‘Reflexos de encontro’ e a Nerea Gundín Fraga pola pintura ‘Bandeira’.