A Xunta inviste preto de 4 M€ na chegada ao mercado de nove proxectos de investigación no marco do programa Ignicia

A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, visitou o Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC) para coñecer unha das iniciativas apoiada, centrada no desenvolvemento clínico dun tratamento para a artrose

Esta é a edición do Ignicia na que máis proxectos van ser apoiados, e 6 deles prevén chegar ao mercado a través da creación dunha spin-off e 3 a través do licenciamento á industria da tecnoloxía

En total, nas catro edicións desta convocatoria a Xunta investiu 14,3 M€, en 32 proxectos de transferencia, 12 dos cales xa están no mercado, 10 en fase de desenvolvemento e outros 9 comezan agora o seu camiño para chegar ao mercado

Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2023

A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación, acaba de resolver a fase de financiamento da convocatoria Ignicia Proba de Concepto que apoia a chegada ao mercado dos resultados da investigación galega co obxectivo de valorizar a ciencia excelente feita en Galicia, á vez que se xeran retornos económicos. En total, a Xunta investirá 3,96M€ en nove proxectos.

A directora de Gain deu a coñecer esta resolución no curso dunha visita ao grupo de reumatoloxía do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC), que recibirá un investimento de 607.000 euros para avanzar no desenvolvemento clínico dun tratamento innovador para a artrose (baseado na administración de fenofibrato en microesferas de liberación prolongada mediante a inxección intra-articular) e constituír unha spin-off para a explotación comercial desta tecnoloxía no 2025.

O proxecto, liderado por Beatriz Caramés, conta coa colaboración da Universidade de Santiago de Compostela e da Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (FIDIS). A participación neste programa permitiralles validar clínica e comercialmente a súa tecnoloxía, definir e validar o modelo de negocio, constituír o equipo da compañía e estruturar a futura spin-off.

Resolución comité de investimentos

Os nove proxectos foron seleccionados no pasado mes de xullo e durante setembro e outubro foron asesorados para madurar os plans de negocio e superaron os requisitos da auditoría legal para garantir que o coñecemento é explotable e protexible. Coa resolución favorable do comité de investimentos, os proxectos contarán coas achegas económicas precisas para comezar as actuacións a comezos de 2024.

Esta cuarta edición da convocatoria é na que máis proxectos serán apoiados, nove en total, dos que seis pretenden chegar ao mercado a través da creación dunha spin-off, mentres que os tres restantes propoñen o licenciamento á industria da súa tecnoloxía. Os nove proxectos implican a 47 investigadores e teñen prevista a contratación doutros 22 profesionais, co que involucrarán un total de 69 persoas.

As iniciativas pertencen a unha ampla variedade de sectores: enerxético, biotecnoloxía mariña, industrial, TIC (5G, Intelixencia Artificial e robótica) e sanitario. Dous proxectos foron apoiados previamente por programas europeos e un nacional.

Balance da convocatoria de Proba de Concepto

Desde a súa posta en marcha no 2016, a Xunta investiu 14,3 M€ nesta convocatoria de Proba de Concepto, dos 16,6 M€ investidos en total no programa Ignicia. Este programa lévase a cabo en colaboración coa Fundación Barrié e comprende ademais un conxunto de actuacións enfocadas a mellorar as capacidades dos axentes para favorecer a transferencia de coñecemento, tales coma formación e certificacións profesional do persoal de transferencia, a valorización de patentes, ou o intercambio de boas prácticas, entre outros.

A convocatoria Ignicia Proba de Concepto acada así a cifra de 32 proxectos de transferencia apoiados, dos que 12 proxectos xa están no mercado, a través de tres licenzas coa grande industria e 9 spin-offs creadas por os investigadores que se converten en emprendedores. Estas 9 spin-offs teñen permitido crear máis dun cento de empregos de alta cualificación e captar máis de 13 M€ a través de fondos de capital risco e convocatorias competitivas estatais e europeas. Así mesmo, xeraron retornos económicos por máis de 600.000 euros, 462.457 € para os organismos de investigación e 138.737 € para a Xunta.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/11/2023