O conselleiro do Medio Rural participou na acto de entrega e tractores e rozadoiras destinadas para labores de xestión da biomasa en vías e infraestruturas municipais

A Xunta e a Deputación de Ourense colaboran na loita contra os lumes cunha nova entrega de maquinaria a 13 concellos ourensáns, cun investimento de case 1,3 M€

José González recordou que a implicación das deputacións é unha obriga moral, pero tamén unha cuestión legal, xa que a normativa de Réxime Local contempla entre as súas competencias a loita contra o lume en concellos de menos de 20.000 habitantes
 

Agradeceu ao presidente da Deputación ourensá, tamén presente neste acto, o seu compromiso nestas tarefas preventivas e lamentou a falta de disposición amosada ata o de agora polas deputacións da Coruña e Lugo para colaborar neste asunto
 

Con esta entrega, son xa 26 os concellos ourensáns beneficiados por esta colaboración interadministrativa dende o ano 2019, case un terzo dos de toda a provincia

San Cibrao das Viñas (Ourense), 27 de novembro de 2023
Compartir
  • whatsapp

O conselleiro do Medio Rural, José González, participou hoxe no acto de entrega de nova maquinaria destinada á prevención de incendios para 13 concellos ourensáns, como resultado dunha colaboración interadministrativa coa Deputación de Ourense dotada cun investimento que rolda, entre ambas partes, os 1,3 millóns de euros. Con esta nova entrega, son 26 os concellos ourensáns beneficiados por esta cooperación dende o ano 2019, é dicir, case un terzo dos de toda a provincia. 

No acto, ao que tamén asistiu o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, e os alcaldes dos municipios beneficiados, o conselleiro do Medio Rural agradeceulle a súa colaboración e fixo un chamamento público a todas as administracións implicadas na prevención e defensa fronte aos incendios forestais para que se sumen á colaboración institucional coa Xunta nesta materia, clave para a seguridade das persoas e dos bens.  

Neste contexto, durante o acto confirmouse ademais que se vai prolongar o acordo coa Deputación de Ourense e o conselleiro anunciou que a de Pontevedra tamén participará nesta iniciativa. Porén, José González lamentou a falta de disposición amosada ata o de agora polos organismos provinciais da Coruña e Lugo, aos que convidou a sumarse, para reforzar a loita contra o lume.  

Nesta mesma liña, o conselleiro sinalou que esta implicación é unha obriga moral, pero tamén é unha cuestión legal, xa que -como lembrou- a normativa reguladora das Bases de Réxime Local contempla, entre as competencias das deputacións, a prevención e extinción de incendios naqueles concellos de menos de 20.000 habitantes. 

Desta nova entrega de tractores e de rozadoiras de arrastre e de brazo beneficiaranse os concellos de Baños de Molgas, O Bolo, Castro Caldelas, Entrimo, Gomesende, Manzaneda, Melón, A Merca, Nogueira de Ramuín, Pereiro de Aguiar, A Peroxa, Taboadela e Vilar de Barrio. Son municipios, explicou o conselleiro, seleccionados en base a criterios técnicos que teñen que ver co incidencia de lumes no seu territorio, fundamentalmente, e están adheridos ao Convenio de protección das aldeas, un acordo da Xunta coa Federación galega de municipios e provincias e a empresa pública Seaga ao que xa están incorporados -destacou o conselleiro- un total de 283 concellos galegos, o que supón máis do 90% do total.  

A Xunta, a través da Consellería do Medio Rural, e a Deputación de Ourense investiron case 1,3 millóns de euros para a compra desta maquinaria para labores de prevención de incendios. Dese orzamento, 100.000 euros representan a achega para cada un dos concellos asinantes do convenio. 

Tarefas de prevención

Estes apeiros destínanse á limpeza e mantemento, libre de matogueira, das infraestruturas rurais de titularidade municipal, así como á xestión da maleza das masas comúns de concentracións parcelarias de titularidade dos concellos e da biomasa preto de vivendas en terreos de titularidade descoñecida ou do propio concello. Neste último caso, os traballos fanse en predios que non sexan obxecto de actuación no marco do convenio de defensa das aldeas que a Xunta ten asinado coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e a empresa pública Seaga.

 O conselleiro tamén destacou o Plan de prevención de incendios forestais que estará en vigor ata marzo do 2024, co que se prevé en polo menos unhas 60.000 hectáreas de terreo e nuns 5.600 km de pistas forestais e outras vías, ademais de en case 4.840 puntos de auga, entre a creación de puntos novos e o mantemento dos existentes. No que se refire ás queimas prescritas, deica marzo de 2024 está previsto executalas en máis de 2.100 hectáreas. O plan conta cun orzamento de case 38,8 millóns de euros.
Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Medio Rural
Data de actualización: 27/11/2023