Alfonso Rueda participou hoxe na inauguración en Ferrol das III Xornadas Porto-Empresa

O presidente galego aposta por aproveitar as oportunidades da transición enerxética a través dun crecemento económico sustentable

Destaca que a comarca de Ferrolterra “é o lugar ideal” para asentar novas industrias “baseadas nas enerxías verdes e na descarbonización”

Pon en valor as medidas da Xunta para que o aproveitamento dos recursos naturais redunde en riqueza social, como a futura Lei de promoción de recursos naturais ou a sociedade Recursos de Galicia

Salienta que hai grandes proxectos previstos en Galicia en materia de enerxías verdes que permitirán atraer á comunidade outras industrias que precisan este tipo de enerxía para o seu desenvolvemento
 

Ferrol,  28 de novembro de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, defendeu hoxe que o reto da transición enerxética supón tamén grandes oportunidades para impulsar o crecemento económico sustentable de Galicia. Así o sinalou hoxe durante a súa participación na inauguración en Ferrol das III Xornadas Porto-Empresa, centradas na descarbonización do sistema enerxético, e no que estivo acompañado pola conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana.

Na súa intervención, o titular do Executivo galego asegurou que Ferrolterra “é o lugar ideal” para asentar novas industrias “baseadas nas enerxías verdes e na descarbonización”. E resaltou que esta zona de Galicia, tan “castigada” no pasado polo desmantelamento industrial, ten agora unha oportunidade “con moito futuro” no eido das enerxías sustentables.

Rueda puxo como exemplo a enerxía eólica, que permite a industrias galegas construír as infraestruturas necesarias para o seu desenvolvemento, pero tamén dotar a outros proxectos empresariais da enerxía renovable que precisan. “As empresas que necesitan enerxía verde, precisan tela cerca e dispoñible”, resaltou o presidente, quen fixo fincapé na importancia destas cuestións á hora de que os promotores decidan en que lugar poñen en marcha o seu proxecto.

No acto, o presidente puxo en valor que a Xunta está comprometida co binomio economía e medio ambiente, e que por iso se están impulsando unha serie de iniciativas para garantir que o aproveitamento dos recursos naturais redunde tamén en riqueza social para Galicia. Así, citou a futura Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan recursos naturais de Galicia; ou a recente creación da sociedade público-privada “Recursos de Galicia”.

Neste sentido, destacou que a Xunta está poñendo en marcha todas as ferramentas para dar apoio e certezas aos grandes proxectos e, en especial, aos relacionados con enerxía verdes. Ao respecto, lembrou a posta en marcha no 2024 da Oficina Económica que dará asesoramento ás industrias sobre este tipo de iniciativas ou o compromiso do Goberno autonómico de que os proxectos prioritarios poidan poñerse en marcha no prazo máximo dun ano.

Por último, Rueda lembrou que a comarca de Ferrolterra ten un gran potencial no campo das enerxías sustentables, grazas as importantes iniciativas previstas na zona, como a planta de produción de metanol verde promovida por Forestal del Atlántico en Mugardos; a de hidróxeno verde en As Pontes, impulsada por Reganosa e EDP; ou como a de montaxe de estruturas de eólica marina de Nervión no porto.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/11/2023