Os novos traballos no enlace de conexión da autovía Tui- A Guarda coa autovía A-55 farán precisos cortes de tráfico este venres e o vindeiro luns 4 de decembro

Procederase a un corte total dos ramais de entrada e saída da calzada esquerda da A-55,o venres día 1 de decembro a partir das 06,30 horas e o luns, día 4, a partir das 21,30 horas sentido Portugal-Tui, habilitándose itinerarios alternativos

As restricións de tráfico son necesarias para executar a capa de rodaxe dos novos ramais e cuñas de incorporación e saída á autovía, sentido Tui-O Porriño desde a glorieta elevada, na súa calzada esquerda, entre os quilómetros 30+100 e o 30+500

A Xunta segue avanzando nesta infraestrutura viaria, que supón un investimento de 30 M€ para reforzar a seguridade e a competitividade na zona

Compartir
  • whatsapp

Santiago de Compostela, 28 de novembro de 2023

O avance nas obras de conexión da autovía Tui-A Guarda coa autovía A-55 fará necesarios novos cortes de tráfico durante este vindeiro venres, día 1 de decembro, e o próximo luns, día 4.

Trátase de continuar os traballos no novo enlace do punto quilométrico 30 na autovía A-55 para dar conexión coa futura vía de altas prestacións Tui-A Guarda, coa execución da capa de rodaxe dos novos ramais e cuñas de incorporación e saída á autovía, sentido Tui-O Porriño desde a glorieta elevada, na súa calzada esquerda, entre os quilómetros 30+100 e o 30+500. 

Esta nova fase da intervención fai necesario proceder a un corte total dos ramais de entrada e saída da calzada esquerda da A-55 e á posta en funcionamento do transfer do tronco da propia autovía, dando servizo así ao tráfico pola calzada dereita.  

Na programación destes traballos, que se levaran a cabo sempre que as condicións meteorolóxicas o permitan, inclúese a disposición dos desvíos de tráfico, en función das intervencións que se acometerán cada día.  

O primeiro corte iniciarase o venres, día 1 de decembro, e afectará á circulación sentido Portugal-Tui (calzada decrecente), futuro ramal de saída da autovía ao enlace. Esta afección iniciarase ás 06,30 coa montaxe da sinalización vertical e balizamento e unha vez que estea a calzada libre de circulación, iniciarase o fresado e estendido da nova capa de rodaxe. A ligazón funcionará, como na actualidade. 

Deste xeito, para facilitar a circulación do tráfico porase en servizo o transfer entre o quilómetro 30+500 e o 29+800, cortando a calzada esquerda/decrecente, dando servizo pola calzada esquerda cun único carril para ambos os sentidos de circulación. Manterase o enlace do quilómetro 30+000 funcionando na situación actual, incorporándose desde o ramal en obra á autovía sentido decrecente e para acceder ao enlace efectuarase o cambio de sentido no enlace situado no PK 29+000.

Os traballos continuarán na noite do luns, día 4 de decembro, no treito de circulación sentido Portugal –Tui (calzada decrecente), futuro ramal de entrada á autovía desde o enlace. Para facilitar o tráfico porase en servizo o transfer entre o quilómetro 30+500 e o 29+800, cortando a calzada esquerda/decrecente, dando servizo pola calzada esquerda cun único carril para ambos os sentidos de circulación.  

A variación do tráfico nesta situación é que para executar os traballos faise necesario o corte total do ramal de incorporación da ligazón do PK 30+000 ao tronco da A-55 (sentido decrecente), actualmente en servizo, os demais ramais da ligazón funcionarán segundo a súa disposición actual de obras.  

Este segundo corte iniciarase ás 21,30 do luns, día 4, facéndose coincidir coa diminución constatada na afluencia de tráfico, momento que se iniciará a montaxe da sinalización vertical e balizamento e unha vez que estea a calzada libre de circulación, iniciarase o fresado e estendido da nova capa de rodaxe. Para dar servizo aos usuarios que se queiran incorporar á autovía, sentido O Porriño, discorrerá o tráfico polo centro de Tui. 

Por outra banda, a circulación do tráfico cara ao ramal de entrada da calzada dereita sentido crecente non se verá afectado por estes traballos, atopándose operativa a través do ramal de nova construción do quilómetro 30. 

Cómpre indicar que o tronco da autovía e os ramais da ligazón atópanse actualmente xa sinalizados de obras, co cambio de sentido da saída 29B indicativo para incorporarse á estrada sentido Tui-Portugal. 

Para a recirculación do tráfico sobre os enlaces quedarán delimitados por barreira de plástico tipo New Jersey, xunto coa súa correspondente sinalización horizontal e vertical de obras para o seu correcto desenvolvemento. 

O Goberno galego segue avanzando nesta infraestrutura viaria, que supón un investimento autonómico de 30 M€ e é estratéxica para reforzar a seguridade viaria e aumentar a competitividade nesta contorna.

Data de actualización: 28/11/2023