Sanidade acolle unha xornada formativa sobre TDAH e Muller en Atención Primaria dirixida a profesionais da saúde

Ten como obxectivo principal a adquisición de coñecementos específicos sobre os aspectos centrais do diagnóstico e tratamento do TDAH entre os profesionais, facendo especial énfase nas manifestacións diferenciais nas mulleres

Na xornada contarase coa participación de testemuñas que darán voz ás mulleres con TDAH, quenes axudarán a visibilizar e a concienciar sobre esta problemática

Compartir
  • whatsapp

Santiago de Compostela, 28 de novembro de 2023

O Edificio Administrativo da Consellería de Sanidade acolle, ao longo do día de hoxe, unha Xornada Formativa sobre TDAH e Muller en Atención Primaria. Esta actividade vai dirixida a profesionais da saúde, médicos especialistas en medicina familiar e comunitaria, médicos especialistas en pediatría de atención primaria, enfermería especialista en atención primaria, traballadores sociais, psicólogos, terapeutas ocupacionais, farmacéuticos do primeiro nivel asistencial, médicos residentes especialistas en medicina familiar e comunitaria, psiquiatría e pediatría.

Tal e como sinalou no inicio da Xornada o subdirector xeral de Ordenación Asistencial e Innovación do Sergas, Alfonso Alonso Machado, o Trastorno por Déficit de Atención con Hiperactividade é un trastorno do neuro-desenvolvemento que afecta ao 5 % da poboación, e se caracteriza por un patrón persistente de condutas de desatención, hiperactividade e impulsibidade que comeza na idade infantil. Está aceptado que se trata dun trastorno complexo, onde participan tanto factores ambientais como xenéticos.

Máis concretamente, o representante do Sergas dixo que, centrándonos no obxecto da presente xornada, é preciso salientar que estamos ante unha problemática que presenta unha sintomatoloxía distinta entre varóns e mulleres, sendo a presentación máis frecuente entre as mulleres a inatenta, mentres que nos varóns é máis habitual a presentación hiperactiva-impulsiva ou a combinada, isto fai que o diagnóstico sexa máis complicado de realizar nas mulleres, dado que os síntomas son menos evidentes e máis internalizados. Pero non só a presentación do trastorno e diferente entre os sexos, tamén a vivencia do trastorno difire.

Neste sentido, Alfonso Alonso dixo que os estereotipos de xénero reinantes na nosa sociedade xogan un papel fundamental, ao dificultar a detección deste trastorno nas mulleres, xa que en ocasións os síntomas son considerados característicos do estereotipo de xénero feminino, e por tanto inherentes ás mulleres, o que leva a unha banalización da problemática no sexo feminino, e a que se diagnostique e trate con máis frecuencia a varóns que a mulleres.

Como consecuencia desta situación, no caso das mulleres é frecuente a tardanza en recibir un diagnóstico e, polo tanto, tamén se pospón o tratamento das dificultades asociadas ao trastorno, o que pode supoñer un agravamento da patoloxía e das dificultades asociadas que pode dar lugar a repercusións negativas na calidade de vida das mulleres afectadas.

Neste contexto, o representante do Sergas sinalou que esta xornada ten como obxectivos principais, a adquisición de coñecementos específicos sobre os aspectos centrais do diagnóstico e tratamento do TDAH entre os profesionais, facendo especial énfase nas manifestacións diferenciais nas mulleres, así como difundir o coñecemento sobre o TDAH co fin de mellorar a calidade de vida das persoas afectadas e as súas familias.

Na xornada contarase coa participación de testemuñas que darán voz ás mulleres con TDAH, quenes axudarán a visibilizar e a concienciar sobre esta problemática.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. de Sanidade
Data de actualización: 28/11/2023