O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria para o ano 2024

A Xunta abre unha nova convocatoria de axudas á formación dos profesionais do sector do transporte por estrada, dotadas cun orzamento de 500.000 €

Promóvese a mellora das capacidades dos profesionais do sector en eidos como a seguridade viaria, a manipulación de mercadorías perigosas ou a eficiencia na xestión empresarial

Inclúese a subvención de cursos para obter o Certificado de Aptitude Profesional (CAP), imprescindible para os condutores que queiran operar no mercado profesional

Tamén se fomentan iniciativas formativas noutros ámbitos de interese do sector, como a mellora no coñecemento de diferentes idiomas, tanto por parte de profesionais do taxi como daqueles que realizan transportes internacionais

Santiago de Compostela, 30 de novembro de 2023
Compartir
  • whatsapp

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade abre hoxe unha nova convocatoria de axudas á formación dos profesionais do sector do transporte por estrada ás que se destinará un investimento de 500.000 euros.

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe esta convocatoria de axudas á formación dos profesionais do transporte para o vindeiro ano 2024, cuxa información detallada pode consultarse nos seguintes enlaces:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20231130/AnuncioG0533-221123-0001_gl.html e https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20231130/AnuncioG0533-221123-0002_gl.html

A orde publicada hoxe fixa as bases polas que se rexerá o outorgamento destes incentivos, que van dirixidos ás entidades que se integran no Comité Galego de Transportes por Estrada: asociacións ou federacións de transportistas co obxecto de que elaboren e leven a cabo un plan formativo sobre as materias de maior interese para os profesionais do sector.

As entidades deberán presentar un plan formativo que abranguerá a totalidade de cursos ou seminarios que pretendan realizar no ano 2024.

Estas organizacións disporán dun mes, contado a partir de mañá, para presentar as súas solicitudes. O procedemento de concesión destas axudas tramítase en réxime de concorrencia competitiva.

Ao abeiro desta orde serán subvencionables as actividades formativas que se realicen a partir do 1 de xaneiro de 2024 e antes de que recaia a resolución definitiva. Esas actividades deberán incluírse, en todo caso, dentro do plan formativo presentado coa solicitude e prestarse de acordo coas previsións contidas nesta orde, sinaladamente, as relativas aos importes máximos subvencionables, á comunicación do seu inicio e á subcontratación.

O orde de axudas establece a data do 2 de novembro de 2024 como último día para presentar a documentación xustificativa das accións formativas realizadas ao abeiro desta convocatoria de axudas.

Con estes incentivos a Xunta fomenta que as entidades beneficiarias poidan mellorar as capacidades dos seus asociados en eidos tan importantes como a seguridade viaria, a manipulación de mercadorías perigosas ou a eficiencia na xestión empresarial.

Ademais inclúese a subvención de cursos para obter o Certificado de Aptitude Profesional (CAP), requisito imprescindible para os condutores que queiran operar no mercado profesional desde a entrada en vigor do Real Decreto 1032/2007, do 20 de xullo.

Tamén se promociona a realización, por parte das asociacións do sector, de iniciativas de carácter formativo noutros ámbitos de interese para os profesionais do transporte, como a mellora no coñecemento de diferentes idiomas, tanto para os profesionais do taxi como para todas aquelas persoas que realizan transportes internacionais.

O desenvolvemento destas actividades por parte das asociacións profesionais do sector do transporte facilita a plena adaptación das accións formativas á evolución das necesidades dos profesionais, dando continuidade a unha liña de actuación que a Xunta vén desenvolvendo nestes últimos anos.

Nas tres últimas convocatorias, no ano 2021, 2022 e 2023, a Xunta concedeu axudas que permitiron a realización de 487 cursos nos que participaron un total de 7.186 profesionais.

Data de actualización: 30/11/2023