A Xunta convocará en xaneiro por 2 M€ as axudas a concellos e particulares para corrixir o impacto paisaxístico de vivendas, edificios e equipamentos

Rueda destaca que o obxectivo é “seguir promovendo o fermosismo” e reformar inmobles “en mal estado e que afean a paisaxe e as contornas”

Resaltou que desde a posta en marcha da medida en 2021, o Goberno galego apoiou a un total de 156 entidades locais e a máis de 1.800 particulares para levar a cabo este tipo de obras

Os propietarios poderán acceder a incentivos de ata 3.000 € para mellorar o aspecto exterior dos seus inmobles e as entidades locais terán á súa disposición un máximo de 40.000 € para actuar en dependencias municipais e outras construcións públicas

O presidente anuncia que, como novidade, estas axudas tamén financiarán a eliminación de elementos adxacentes aos bens nos que se vaia intervir “coma galiñeiros ou muros a medio derrubar”
 

Santiago de Compostela, 30 de novembro de 2023
Compartir
  • whatsapp

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Goberno autonómico vai destinar 2 millóns de euros no 2024 a unha nova convocatoria das axudas dirixidas a propietarios particulares e a concellos para executar actuacións destinadas a eliminar o impacto paisaxístico de vivendas privadas, edificios ou dependencias públicas. “Imos seguir promovendo o fermosismo” e dando apoios para “corrixir edificios mal conservados ou que afean a paisaxe e os entornos”, resaltou Rueda.

Será o cuarto ano consecutivo que o Goberno galego aposte por este programa, impulsado en 2021 polo Instituto de Estudos do Territorio (IET) —dependente da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda— e cuxas tres convocatorias anteriores tiveron “moi boa acollida e aceptación”, indicou o presidente, que asegurou que nos últimos tres anos recibiron achegas “1.800 particulares e 156 entidades locales”. Grazas a estas axudas financiáronse intervencións en máis de 270 concellos, case o 88% do total, polo que o impacto da medida chegou xa a practicamente toda a Comunidade.

Ademais, os incentivos concedidos no período 2021-2023 suman case 7,5 millóns de euros aínda que o investimento total mobilizado supera os 10,5 millóns tendo en conta tamén as achegas realizadas por concellos e cidadáns para completar o custo das obras.

En canto á convocatoria do próximo ano, os propietarios particulares poderán acceder a incentivos de ata 3.000 euros para mellorar a imaxe exterior das súas vivendas e doutras construcións, como muros de peche, mentres que as entidades locais terán á súa disposición un máximo de 40.000 euros (20.000 euros por cada liña) para actuar en edificios e dependencias destinadas a servizos municipais —liña 1— ou sobre construcións, equipamentos públicos e bens do patrimonio etnográfico local —liña 2— que polo seu aspecto e deterioro actual poidan producir unha distorsión na contorna natural ou urbana onde se localizan.

As contías máximas previstas en ambas ordes de axudas permitirán cubrir ata o 70% do orzamento do investimento subvencionable de forma que, na práctica, se prevé mobilizar preto de 2,9 millóns de euros grazas á concesión destes incentivos, que buscan incidir na cultura do fermosismo impulsada pola Xunta a través da sensibilización cidadá e da colaboración con outras administracións públicas.

Ademais, tal e como explicou Rueda, estímase que grazas aos 2 millóns de euros cos que estarán dotadas inicialmente ambas liñas se poderá axudar “a máis de 50 municipios galegos e a case 400 cidadáns” a mellorar a imaxe exterior dos seus inmobles e edificacións.

Detalles da cuarta convocatoria

En base á experiencia dos anos anteriores, nesta cuarta convocatoria das axudas para a corrección de impactos paisaxísticos seguirase apostando pola simplificación dos trámites e da documentación a presentar, ao tempo que se axiliza a súa resolución.

No caso das entidades locais, igual que se fixo este ano, os concellos que resulten beneficiarios terán a opción de solicitar o cobro dun anticipo de ata o 70% da axuda. Esta medida facilitará o inicio e a execución das actuacións por parte dos municipios xa que no propio momento da resolución da axuda lles será aprobado o anticipo.

Ademais, en 2024 os particulares poderán volver xestionar as súas solicitudes a través de entidades xurídicas como asesorías, xestorías ou asociacións veciñais, unha medida que busca facilitar ao máximo a tramitación e o acceso aos fondos consignados.

En canto aos tipos de intervención subvencionables, no caso da liña dirixida á cidadanía prevese a posibilidade de actuar sobre fachadas, cubertas e muros de peche e, como novidade, financiarase por primeira vez a retirada de elementos adxacentes aos bens nos que se vaia intervir cando estes prexudiquen a súa imaxe ou causen algún impacto. “Por exemplo galiñeiros ou muros a medio derrubar”, explicou o presidente.

Pola súa banda, as actuacións promovidas polos concellos poderán ser obras de índole menor que melloren o aspecto e conservación de elementos etnográficos como fontes, lavadoiros públicos, palcos de música e hórreos, ou ben incidir na renovación e remate exterior de fachadas, cubertas e muros de cerramento de edificios municipais.

Cómpre subliñar que a paisaxe é un elemento que contribúe a mellorar a calidade de vida e o benestar dos cidadáns xa que a contorna das persoas inflúe notablemente na súa actividade diaria; por iso resulta clave protexer a diversidade paisaxística de Galicia.

Neste sentido, o obxectivo final destas subvencións é promover unha cultura de dignificación do territorio no que a participación da sociedade resulta clave, fomentando o coidado da riqueza paisaxística e avanzando na aposta da Xunta polo fermosismo. Ademais, tamén se desenvolve un dos obxectivos previstos no Plan estratéxico da paisaxe galega 2021-2024: realizar accións concretas de protección, potenciación e mellora das paisaxes, así como formar, sensibilizar e educar na materia.


Imaxes relacionadas
Data de actualización: 30/11/2023