Rueda anuncia que Galicia será a primeira rexión de Europa en regular por lei o uso da intelixencia artificial

Informa de que o Consello autoriza a tramitación do Anteproxecto de lei para o desenvolvemento e impulso da intelixencia artificial en Galicia

Resalta que o obxectivo “é garantir que os sistemas IA que se usan na comunidade son fiables e respectuosos cos dereitos fundamentais das persoas”

Salienta que toda a IA utilizada na administración autonómica será avaliada por unha Comisión e que a cidadanía sería informada de cando se recorre a esta tecnoloxía para a toma de decisións

A Xunta promoverá “o uso responsable” da IA entre o sector privado con “axudas económicas, incentivos fiscais” e facilitando codigos de conducta
 

Santiago de Compostela, 30 de novembro de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Consello autorizou o inicio da tramitación do Anteproxecto de lei para o desenvolvemento e impulso da intelixencia artificial (IA), que converterá “Galicia na primeira rexión europea en regular por lei o uso” desta tecnoloxía. “O obxectivo é garantir que os sistemas de intelixencia artificial que se utilizan na comunidade son fiables e respectuosos cos dereitos fundamentais das persoas”, resaltou.

A lei establecerá os principios éticos para o deseño, adquisición implementación e uso de sistemas de IA por parte da Administración baixo criterios de dilixencia, auditabilidade, explicabilidade, transparencia, imparcialidade, ausencia de nesgos, seguridade ou privacidade.

Entre os principios éticos reitores, destaca tamén o principio de reserva da humanidade e de revisión humana, principio de fiabilidade e de responsabilidade e o principio de avaliación de impacto nas persoas, na sociedade e no ambiente. Garantirá, así mesmo, os dereitos de liberdade, igualdade e reacción fronte ao deseño, adquisición, implementación e uso de sistemas de intelixencia artificial, así como o exercicio dos dereitos da cidadanía.

Coa tramitación desta lei, a Xunta avanza no seu compromiso de aprobar entre 2020 e 2024 a normativa necesaria para facilitar a incorporación de tecnoloxías dixitais de alto impacto, de acordo co obxectivo da Estratexia Galicia Dixital 2030 de especialización tecnolóxica e atracción de investimentos e talento dixital.

Ademais, tamén responde, así mesmo, á petición unánime do Parlamento de Galicia para impulsar as actuacións necesarias para que Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia adopten, como marco de actuación, o establecido polo Regulamento europeo de intelixencia artificial, previamente á súa entrada en vigor prevista para o ano 2024, así como o desenvolvemento da normativa necesaria para a aplicación da IA no sector público autonómico.

Tal e como explicou o presidente, un dos principais obxectivos da futura normativa é “garantir o uso eficaz, eficiente, ético e seguro da IA na administración autonómica”. Para iso, asegurou que os sistemas IA que se usen neste eido “estarán supervisados por unha Comisión” que vele porque o seu funcionamento “sexa axeitado desde o punto de vista económico, ético e xurídico”. Ademáis haberá un rexistro sobre a tecnoloxía IA que utiliza a administración e “a cidadanía sempre estará informada” sobre o grao de participación da intelixencia artificial “nos actos administrativos e na toma de decisións”.

E, por outra banda, a Lei tamén busca “aproveitar a oportunidade que a IA supón para o tecido socioeconómico galego”. Para iso, Rueda explicou que vanse ofrecer “axudas económicas e incentivos fiscais” para “promover o uso responsable” desta tecnoloxía nas empresas e a Xunta facilitará ao sector privado “códigos de conducta ou ferramentas de autodiagnose” sobre o uso desta tecnoloxía.

A proposta que foi levada hoxe ao Consello para ser remitida ao Consello consultivo pretende recoller os aspectos normativos da lei en catro apartados (títulos) sobre gobernanza e planificación, identificación e avaliación, uso da IA ​​polo sector público, e medidas para o impulso da IA en Galicia.

No título primeiro indicaríanse as competencias das persoas e dos distintos órganos de xestión pública, así como dos órganos de fiscalización e avaliación. Tamén regula as áreas de colaboración e inclúe aspectos relacionados coa planificación e a xestión. O título segundo abordaría cuestións como o procedemento e criterio para a identificación e avaliación de sistemas de intelixencia artificial, así como para a súa adquisición, desenvolvemento e implantación na Administración autonómica.

Pola súa banda, o título terceiro regularía o uso dos sistemas de IA por parte da Administración xeral e o sistema público autonómico de Galicia, así como aspectos relacionados cos códigos de conducta, guías ou ferramentas de autodiagnose ao servizo dos operadores privados. E o título cuarto abriría as portas a promover o uso da IA ​​ética e fiable entre as empresas así como a colaboración entre administracións a través dos ecosistemas Gobtech.

 

A norma busca aumentar a confianza da cidadanía nesta tecnoloxía e garantir que os sistemas de IA sexan fiables e respectuosos cos dereitos fundamentais das persoas. Ademais, consolida Galicia como un lugar idóneo para o investimento empresarial no sector da intelixencia artificial.

 

Ao mesmo tempo, impulsará a implantación e uso de sistemas de intelixencia artificial seguros, eficientes e de calidade nas empresas galegas, en particular, nas pemes, promovendo a súa mellora competitiva.

 

A redacción da proposta estará coordinada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia. A Axencia promoverá unha comisión de redacción da que formarán parte a Asesoría Xurídica Xeral da Xunta, a Secretaría Xeral da Presidencia e a Consellería de Facenda e Administración Pública, por medio da súa Secretaría Xeral, da Intervención Xeral e da Dirección Xeral de Simplificación Administrativa. Haberá tamén grupos de traballo nos cales participarán, entre outros, a Consellería de Economía, Industria e Innovación e a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades. Tamén serán tidas en conta as achegas de profesionais, entre eles os integrantes da Comisión de Expertos para o Asesoramento no Desenvolvemento e Uso Ético da IA de Galicia, recentemente constituída.

 

Está previsto que o texto poida ser remitido ao Parlamento para a súa tramitación no primeiro período de sesións de 2024.

 


 


Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/11/2023