A Xunta investirá case 220.000 euros na redacción dos proxectos para urbanizar e parcelar a ampliación do parque empresarial de Bértoa, en Carballo

A finalidade é axilizar os trámites para urbanizar preto de 640.000 metros cadrados de superficie bruta, dos que arredor de 380.000 metros cadrados corresponden a parcelas de uso empresarial

Este procedemento realízase en paralelo coa tramitación do plan estruturante do parque empresarial, do que hoxe o Diario Oficial de Galicia publica o anuncio de exposición pública

Santiago de Compostela, 30 de novembro de 2023
Compartir
  • whatsapp

A Xunta de Galicia destina preto de 220.000 euros á redacción dos proxectos de urbanización e parcelamento da segunda fase de ampliación do parque empresarial de Bértoa, en Carballo. Os interesados en presentar ofertas á licitación deste contrato, que se publicou hoxe, poden facelo ata o 10 de xaneiro do próximo ano.

Este procedemento realízase en paralelo á tramitación do Plan estruturante de ordenación de solo empresarial (PEOSE) do parque co obxectivo de axilizar as xestións e poder avanzar no proxecto unha vez que sexa aprobado o plan.

A redacción dos proxectos de urbanización e parcelamento incide nunha ampliación que se realizará en dous ámbitos, nos sectores A e B, cunha superficie total de preto de 640.000 metros cadrados, dos que preto de 380.000 será de superficie de parcelas. O sector A atópase ao noroeste do parque existente, entre a autoestrada AG-55 e o rego da Balsa, e o sector B localízase ao sueste do parque existente, entre os seus límites e a vía de acceso á autoestrada AG-55.

O PEOSE -aprobado definitivamente o pasado 17 de novembro e do que o Diario Oficial de Galicia publica hoxe o anuncio para exposición pública- prevé dar continuidade ao viario da área empresarial existente e localizar as zonas verdes e equipamentos para espazos de maior valor ambiental, como a contorna fluvial, e para os espazos visibles desde o exterior.

O plan ordena ademais o espazo destinado a solo empresarial de forma que poida adaptarse á demanda real delimitando unha ampla área de ordenación diferida no sector A. Nel establécense catro opcións coa posibilidade de xerar parcelas de maior ou menor dimensión atendendo ás posibles demandas das empresas que precisen grandes superficies continuas de solo.

 

A primeira fase da ampliación do parque empresarial de Bértoa xa foi realizada pola empresa pública Xestur e as obras de urbanización remataron en 2011. Esta primeira fase habilitou case 720.000 metros cadrados de superficie bruta, da que actualmente se ofrecen tres parcelas cunha superficie total de preto de 30.000 metros cadrados.

 

A Xunta de Galicia adxudicou desde 2015 -ano no que se comezaron a aplicar bonificacións sobre o prezo do solo empresarial e que en Carballo son do 50 %- máis de 345.000 metros cadrados de solo con bonificacións por importe de máis de 11,2 millóns de euros. Isto converte ao parque empresarial de Bértoa no segundo de Galicia por volume de solo adxudicado, só superado polo parque de Morás, en Arteixo.

 

 

Exposición pública

Precisamente, a publicación no DOG do anuncio de aprobación do PEOSE de ampliación do parque empresarial dá aos interesados un prazo de vinte días hábiles, a contar desde mañá, para a presentación das alegacións, documentos ou xustificacións que estimen oportunas.