O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, abordou hoxe en Santiago estas intervencións co alcalde, Evencio Ferrero

A Xunta executará na primavera a mellora do firme nas estradas AC-414 e AC-400 no concello de Carballo, que suporán un investimento de 763.000 euros

Francisco Menéndez amosa a determinación de actuar no treito da AC-414 formado por 2 tramos antigos da AC-418, ante a falta dunha proposta de colaboración do Concello para asumir a titularidade desta vía, de carácter eminentemente local

Avanza que a intervención ao longo dos mais de 3,6 km de lonxitude da AC-414 incluirá, ademais da renovación íntegra da capa de rodaxe, a instalación de redutores de velocidade

Sinala que a Xunta renovará completamente o firme da estrada e invita ao Concello a que renove ou amplíe as beirarrúas

Compartir
  • whatsapp

Santiago de Compostela, 1 de decembro de 2023

A Xunta executará na primavera a mellora do firmen na estrada AC-414 e na AC-400 no concello de Carballo, que suporá un investimento autonómico de 763.000 euros.

O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, mantivo hoxe en Santiago unha reunión de traballo co alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, para abordar as actuacións previstas no municipio, na AC-414, que é o antigo vial Carballo-Buño, e na estrada AC-400.

As obras nestas dúas estradas foron licitadas onte pola Xunta, xunto coa mellora da estrada AC-455, nos seus percorridos polos municipios de Cerceda, Tordoia, Santa Comba, Mazaricos, Muxía, Cee, Corcubión e Fisterra, e suporán un investimento conxunto de 3,6M€. As intervencións contan cun prazo de execución de 6 meses e as empresas interesadas neste contrato teñen ata o 26 de decembro para presentar as súas ofertas.

Na reunión, Francisco Menéndez trasladoulle ao alcalde de Carballo a decisión da Xunta de incorporar na programación de investimentos do Plan de reforzos de firmes que leva a cabo a Axencia Galega de Infraestruturas estas actuacións. E nomeadamente, no caso concreto da estrada AC-414, ante a falta dunha proposta de colaboración concreta por parte do Concello para actuar e asumir a titularidade desta vía, que na actualidade carece de funcionalidade na rede autonómica de estradas da Xunta.

O director informou que as actuacións licitadas na AC-414 no municipio, constituída por dous treitos antigos da vía AC-418, permitirán actuar nos algo mais de 3,6 quilómetros de lonxitude da vía, renovando completamente a capa de rodaxe. Nas zonas máis deterioradas realizarase un fresado previo para saneo. A superficie de actuación supera os 25.000 metros cadrados.

O director da Axencia Galega de Infraestruturas avanzou, tamén, que a intervención incluirá, ao remate dos traballos de mellora do firme, as obras de instalación de redutores de velocidade nestes treitos da AC-414.

Francisco Menéndez incidiu que estas melloras da seguridade viaria poderían redundar na mellora da seguridade e mobilidade dos veciños de Carballo coa asunción por parte do Concello da proposta de transferencia destes treitos da AC-414, ao permitirlle xestionar a estrada como o que é a día de hoxe: unha vía eminentemente urbana e con tráfico local.  

Deste xeito, o director da Axencia galega de Infraestruturas sinalou que, ante a falta de avances, a Xunta decidiu actuar de modo inmediato na mellora no firme, e convidou ao Concello a realizar pola súa parte actuacións de mellora ou ampliación das beirarrúas.

Data de actualización: 01/12/2023