A Xunta completa a instalación de tecnoloxía sanitaria por 13 M€ na área de Vigo

O conselleiro de Sanidade visitou esta semana a nova resonancia magnética do hospital do Meixoeiro, cuxa instalación supuxo executar unha obra de 400.000 euros

O Sergas dotou o Hospital Meixoeiro de novo equipamento de alta tecnoloxía coa adquisición dun PET, dous TAC e tres gammacámaras, ademais da nova resonancia magnética

Compartir
  • whatsapp

Vigo, 3 de decembro de 2023

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, acompañado pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e polo xerente da área sanitaria, Javier Puente, visitou esta semana a nova resonancia magnética do Hospital do Meixoeiro, coa que a Xunta completa a instalación de tecnoloxía sanitaria na área de Vigo por valor de 13 millóns de euros.

Este novo equipamento de alta tecnoloxía, cuxa obra de instalación foi executada por 400.000 euros, supón un avance punteiro dado que conta cunha maior resolución anatómica, permitindo ver lesións de tamaño minúsculo. Desta forma, é posible obter imaxes de máis calidade en calquera órgano, nun tempo menor e coa máxima fiabilidade. Conséguese así un diagnóstico aínda máis preciso e eficiente, o que contribúe á detección precoz de múltiples patoloxías, especialmente en pacientes oncolóxicos e neurolóxicos, posibilitando un tratamento máis personalizado.

Ademais das melloras en canto ao diagnóstico, esta resonancia magnética valorada en 1,5 millóns de euros mellorará o confort das persoas usuarias tanto en espazo como en tempo. O novo equipo dispón dun tubo máis grande para que o paciente se sinta máis cómodo e reduce considerablemente o tempo necesario para realizar a proba, nalgúns casos rebaixándoo ata un 60 %.

Investimento de 13 millóns de euros en alta tecnoloxía en Vigo

Coa instalación desta nova resonancia magnética, o Goberno galego completa os investimentos tramitados con fondos Next Generation na área sanitaria de Vigo ata chegar aos 13 millóns de euros. En concreto, o Hospital do Meixoeiro foi dotado dun PET (cun custo de 2,5 millóns de euros), dous TAC, tres gammacámaras e a citada resonancia magnética. Pola súa parte, despois desta adquisición, o Hospital Álvaro Cunqueiro conta con tres novos TAC (incluíndo un TAC espectral grazas ao financiamento extra da Xunta para contar con equipos de gama superior á financiada), dous equipos de hemodinámica, un de radioloxía vascular intervencionista e outra resonancia magnética.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. de Sanidade
Data de actualización: 02/12/2023