A nova Lei de Artesanía de Galicia impulsará o sector como unha actividade económica sustentable e xeradora de emprego

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, pechou o debate para a aprobación da norma, que está adaptada á nova realidade do sector e que ao mesmo tempo promove a súa importancia social e cultural

A Lei nace con vocación de gran acordo, dando resposta ás necesidades dos profesionais e contando coa súa participación e a da sociedade na súa elaboración

Santiago de Compostela, 4 de decembro de 2023

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, pechou hoxe no Parlamento o debate para a aprobación da Lei de Artesanía de Galicia, subliñando que esta norma permitirá impulsar o sector como unha actividade económica contemporánea, sustentable e xeradora de emprego vinculado ao territorio.

Tal e como apuntou Lorenzana, esta norma crea un marco xurídico adaptado á nova realidade do sector artesán galego, mantendo e promovendo a súa importancia social, cultural, identitaria e económica e incrementando a súa profesionalización e competitividade, apostando por un sector forte e perdurable no tempo.

A conselleira de Economía, Industria e Innovación fixo fincapé en que a norma nace con vocación de gran acordo, representando ao sector e dando resposta ás súas necesidades, coa participación da sociedade e das organizacións de profesionais na súa elaboración.

Lorenzana avogou pola protección da Artesanía de Galicia nas súas diferentes manifestacións, así como por manter canles de cooperación e colaboración entre o sector e os poderes públicos, asegurar a súa pervivencia, potenciar a súa expansión e comercialización, impulsar a súa profesionalización e consolidar a remuda xeracional integrando novos talentos.

A nova Lei, que se centra na ordenación, promoción, fomento, modernización e profesionalización da Artesanía de Galicia, inclúe o recoñecemento oficial de Mestra artesá e Mestre artesán, con dous tipos de distinción: profesional e divulgativo.  

Tamén se crean os puntos de especial interese artesanal, relacionados coa especial vinculación da actividade artesanal ao territorio e a súa contribución ao desenvolvemento do medio rural. Distínguense dúas modalidades: zona de especial interese artesanal e obradoiro de especial interese artesanal.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/12/2023