A Xunta constata un descenso das hospitalizacións por VRS en bebés despois de iniciar a campaña de inmunización

A Dirección Xeral de Saúde Pública elabora o informe de seguimento do virus respiratorio sincitial despois da decisión pioneira de incluír esta inmunización no calendario galego

Preto de 9.000 nenas e nenos foron inmunizados desde o inicio da campaña ata o 26 de novembro

Sinalar, así mesmo, que o vindeiro 9 de decembro pecharase a vacinación da gripe e da covid nos grandes recintos, que continuará en hospitais e centros de saúde
 

Santiago de Compostela, 4 de decembro de 2023
Compartir
  • whatsapp

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade confirma un menor número de hospitalizacións por virus respiratorio sincitial (VRS) en bebés nas primeiras semanas da temporada e despois de iniciar, por primeira vez en España, a campaña de inmunización en Galicia.

Segundo os datos publicados a data 26 de novembro, a Xunta inmunizou co anticorpo monoclonal Nirsevimab un total de 8.909 bebés divididos nos tres grupos diana (o grupo de nacidos entre o 1 de outubro de 2021 e o 31 de marzo de 2023 con factores de risco -342-, o grupo de recaptación que naceran entre o 1 de abril ao 24 de setembro do presente ano -6.171- e os neonatos durante a campaña iniciada o 25 de setembro e que rematará o 31 de marzo do próximo ano -2.396-). Desta forma, a concienciación das familias na protección da saúde das súas fillas e fillos fai que se acade unha cobertura da inmunización do 100% nos grupos de risco, do 81,1% en recaptación e do 92,9% en novos nacementos desde o 25 de setembro nos hospitais públicos e privados galegos.

Con este nivel de cobertura, foron comparados os datos de hospitalización da actual temporada de VRS 2023-2024 coas anteriores, agás 2020-2021 e 2021-2022 afectadas pola COVID. Así, a análise dividiuse no grupo de nacidos entre abril e setembro deste ano, lactantes menores de dous meses e lactantes menores de seis meses.

Deste xeito, a taxa semanal de hospitalización por VRS en Galicia na cohorte de nacidos entre abril e setembro achegárase aos 1.000 ingresos por 100.000 habitantes na semana 46 do ano 2022, mentres que este ano non superou unha taxa de 60 ingresos por 100.000 habitantes. No caso de lactantes de menos de dous meses, o pasado ano a taxa na semana 47 estaba arredor dos 1.200 ingresos por 100.000 habitantes e esta temporada é de 35. O descenso de hospitalizacións tamén se constata nos lactantes menores cinco meses, que en 2022 acaba o pico na semana 47 cunha taxa superior a 800 e esta temporada non chega a 40.

Por iso, a Xunta asumiu a recomendación da Dirección Xeral de Saúde Pública de converter a Galicia na primeira comunidade autónoma en incluír a inmunización contra o virus respiratorio sincitial e manter o calendario de inmunización ao longo de toda a vida máis completo de España.

Peche dos grandes recintos de vacinación

Por outro lado, hai que sinalar que, o vindeiro 9 de decembro, se pechará a vacinación da gripe e da covid nos grandes recintos. Continuarase a inmunizar en hospitais e centros de saúde.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. de Sanidade
Data de actualización: 04/12/2023