O conselleiro de Cultura participa no acto de presentación da nova instalación inmersiva na Cidade da Cultura

A aventura dixital 'Hábitats. Natureza estendida' permitirá explorar desde o Gaiás a riqueza da biodiversidade do planeta

Román Rodríguez destaca os valores de sostibilidade e inclusión desta experiencia sensorial construída maioritariamente con materiais reciclados e biodegradables e cunha escenografía adaptada ás persoas con mobilidade reducida

A mostra, pensada para todos os públicos a partir de 9 anos, permite observar de preto e interactuar con animais e plantas dos cinco continentes, como axolotes, leoas, tiburóns e elefantes, entre outros, para amplificar a comprensión da complexidade da vida nos ecosistemas

Dirixida polo artista audiovisual galego Carlos Seijo, a instalación estará aberta ao público desde o 5 de decembro ata o 19 de maio

As entradas poden adquirirse a un prezo de 3 euros en Ataquilla e no Museo Gaiás

Compartir
  • whatsapp

Santiago de Compostela, 4 de decembro de 2023

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, presentou hoxe unha nova instalación inmersiva na Cidade da Cultura que combina arte e tecnoloxía ao servizo dun relato que promove a descuberta da biodiversidade e a responsabilidade á hora de relacionarnos co medio ambiente. Hábitats. Natureza estendida é o título desta aventura sensorial que emprega realidade virtual e aumentada para levar ao público a viaxar polos cinco continentes sen saír do Museo Centro Gaiás.

Román Rodríguez subliñou o carácter accesible desta aventura dixital, concibida para todos os públicos atendendo aos conceptos de sostibilidade e cultura inclusiva. Neste sentido, a escenografía ten en conta as necesidades das persoas con mobilidade reducida, e na súa construción empregáronse maiormente materiais reciclados e biodegradables. “Desde os 9 anos en adiante, todas as galegas e galegos poderán poñer as lentes de realidade virtual e vivir esta experiencia con seguridade”, asegurou.

As persoas visitantes atravesarán o andar 1 do Museo Centro Gaiás provistas dunha lentes de realidade mixta que lles permiten ver en todo momento o mundo físico ao seu redor e, sobre el, as capas de realidade virtual nas que se desprega unha natureza vibrante. Deste xeito, ata dez persoas poderán percorrer de maneira simultánea a instalación.

As mans virtuais que imitan en tempo real os movementos dos dedos fan tamén que sexa sinxelo para calquera interactuar cos elementos virtuais da experiencia. Durante o percorrido, as persoas visitantes poderán observar de preto e incluso tocar animais e plantas como axolotes, leoas, corais, acacias, focas e elefantes, entre outras moitas.

O director do proxecto, Carlos Seijo, explicou no acto que as recreacións das especies animais e vexetais de Hábitats están realizadas cunha plasticidade que busca a empatía fronte ao hiperrealismo. A natureza ilumínase desde o interior e faise translúcida, mostrándose fermosa e vulnerable para aguilloar as conciencias.

Con esta nova instalación inmersiva, a Cidade da Cultura amplía a súa oferta de contidos vencellados á arte dixital e ás novas tecnoloxías, logo da pioneira Carne y Arena, creada polo director Alejandro González Iñárritu, e das experiencias de realidade virtual incluídas no catálogo do Galiverso. Faino, ademais, apostando polo talento galego nos campos das artes visuais, o modelado e animación 3D e a programación.

Nove escenarios para explorar

A instalación no andar 1 do Museo Centro Gaiás inclúe nove escenarios representativos doutros tantos ecosistemas do planeta: as zonas húmidas de Xochimilko en México, a selva amazónica do Perú, o deserto de Sonora nos Estados Unidos, o mar de Weddel na Antártida, a Cova de Ceza no Courel, a sabana en Kenia, os areais da reserva de Ras Al Jin en Omán, a Gran Barreira de Coral australiana e os fondos oceánicos.

As persoas visitantes disporán de 40 minutos para explorar os diferentes escenarios, guiados por unha voz en off (en galego, castelán e inglés) que vai revelando detalles e información de interese sobre as especies animais e vexetais que se atopan en cada ecosistema.

As entradas para Hábitats. Natureza estendida pódense mercar a un prezo de 3 euros a través de Ataquilla e no Museo centro Gaiás. A partir de xaneiro, a Cidade da Cultura ofrece tamén a posibilidade de concertar visitas gratuítas á instalación para os centros de ensino galegos.

 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 04/12/2023