A Xunta oferta máis de 900 prazas no concurso de traslados para persoal de prevención de incendios e axentes forestais e ambientais

O DOG publica hoxe os concursos ordinarios para provisión de postos de traballo vacantes nestes ámbitos

Como novidade, a estes concursos xa se poderá presentar o persoal laboral fixo que adquiriu a condición de funcionario de carreira a través do proceso de funcionarización posto en marcha polo Goberno galego

Santiago de Compostela, 5 de decembro de 2023
Compartir
  • whatsapp

A Xunta de Galicia oferta 901 prazas no concurso de traslados destinado ao persoal de prevención de incendios e axentes forestais e ambientais.

 

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe os concursos ordinarios para a provisión de postos de traballo vacantes da Administración especial correspondentes ás escalas técnica e auxiliar vinculadas ao servizo de prevención e defensa contra incendios forestais, e da escala de axentes forestais e axentes facultativos ambientais da Xunta.

 

En concreto, ofértanse 780 prazas no ámbito do servizo de prevención de incendios e outras 121 prazas no concurso de axentes forestais e axentes facultativos ambientais. Os últimos concursos de traslados destas escalas convocáronse nos anos 2009, 2011 e 2012.

 

O concurso de traslados é un procedemento moi demandado polos empregados públicos. A través deste proceso a Administración cubre os postos de traballo vacantes, e o persoal funcionario pode cambiar voluntariamente do seu posto de traballo a outro que se adapte mellor ás súas preferencias.

 

Grazas ao concurso de traslados, o persoal empregado público pode obter unha praza nun lugar máis próximo á súa zona de residencia, reducindo así os seus desprazamentos diarios ao posto de traballo e favorecendo a conciliación da súa vida familiar e laboral. Ademais, tamén permite mellorar a progresión profesional dos traballadores, posto que os participantes nos concursos de traslados poden acceder a unha praza de maior nivel.

 

Novidade

Nestes concursos, como novidade, poderán participar por primeira vez nun concurso de traslados de persoal funcionario, o persoal laboral fixo en destino definitivo que adquiriu a condición de funcionario de carreira a través do proceso de funcionarización aberto pola Xunta e que teña unha antigüidade mínima de dous anos na categoría profesional equivalente ao corpo ou escala en que se realizou a súa funcionarización.

Data de actualización: 05/12/2023