O conselleiro de Educación anuncia un investimento de máis de 6M€ en centros educativos de Caldas de Reis en 2024

Investiranse arredor de 425.000€ na rehabilitación integral do Colexio CEIP Plurilingüe San Clemente de César

A ampliación do IES Aquis Celenis licitarase antes de que remate 2023 e o seu orzamento elévase a máis de 5,5M€, máis de 2M€ máis do inicialmente previsto

As actuacións enmárcanse no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica e teñen como obxectivo mellorar o día a día dos membros da comunidade educativa
 

Caldas de Reis (Pontevedra), 5 de decembro de 2023
Compartir
  • whatsapp

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, visitou hoxe o Colexio CEIP Plurilingüe San Clemente de César, en Caldas de Reis, onde anunciou un investimento de máis de 6M€ en centros educativos deste concello no ano 2024.

En concreto, detallou que se vai acometer unha rehabilitación integral do San Clemente de César, cun investimento de arredor de 425.000€. Ademais, explicou que antes de que remate 2023 se vai licitar a ampliación do Instituto IES Aquis Celenis, “un proxecto de enorme envergadura, que finalmente vai contar cun orzamento de máis de 5,5M€, o que supera en máis de 2M€ o orzamento inicialmente previsto”, destacou.

O titular do departamento educativo do Goberno galego sinalou o incremento xeral dos prezos como o causante fundamental deste incremento de orzamento. “Esta inflación estanos afectando de xeito moi significativo ás administracións autonómicas que estamos acometendo obras de renovación de centros educativos. Por iso é imprescindible que o Goberno central, tal e como acabamos de reclamar ao Ministerio de Educación, cree un fondo para a rehabilitación de centros educativos que contribúa ao financiamento destas actuacións”, destacou.

Román Rodríguez lembrou que a Xunta ten en marcha o Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta para renovar os 1.600 edificios que forman os máis de 1.000 centros educativos galegos e adaptalos ás necesidades do ensino do século XXI, ao tempo que se mellora a súa eficiencia enerxética e o confort da comunidade escolar.

“Trátase dun esforzo sen precedentes en materia de obras educativas, cun investimento de máis de 300M€ ata 2024, no marco do que se desenvolven as obras que hoxe anunciamos”, dixo.

Remodelación total do San Clemente

No que atinxe ao Colexio CEIP Plurilingüe San Clemente de César, a rehabilitación integral contará cun investimento de arredor de 425.000€. O proxecto está en redacción e está previsto licitalo no ano 2024.

A actuación contempla o cambio de 760m² de cuberta e das fiestras que aínda non se mudaron, o illamento térmico con inxección en cámara e a renovación dos aseos antigos. “O obxectivo é mellorar o día a día das máis de 130 persoas que forman parte da comunidade escolar deste centro”, salientou o conselleiro.

Ampliación do IES

O conselleiro detallou que a ampliación do Instituto IES Aquis Celenis se vai realizar en vertical, construíndo un novo andar sobre os xa existentes, con 2.400m². Ademais, actuarase sobre o edificio actual, mellorando a súa eficiencia enerxética e a súa organización.

O obxectivo é crear novas aulas para ESO e Bacharelato e adaptar o centro ás recomendacións de espazos flexibles e polivalentes do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica. Igualmente, o proxecto incluirá intervencións dirixidas a mellorar a sostibilidade do centro educativo e a facelo máis respectuoso co medio ambiente. A ampliación dará resposta ás necesidades de escolarización deste concello.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 05/12/2023