A conselleira de Política Social e Xuventude respondeu esta tarde no pleno do Parlamento galego a unha pregunta oral sobre a implantación destas axudas

Fabiola García sinala que máis de 200 persoas con ELA recibiron as axudas de ata 12.000 € durante o seu primeiro ano de implantación

O Goberno galego puxo á disposición de todas as persoas diagnosticadas con esta enfermidade axudas directas e inmediatas para a compra de produtos de primeira necesidade para o coidado ou reformas para a adaptación de vivendas

Compartir
  • whatsapp

Santiago de Compostela, 5 de decembro de 2023

A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, sinalou que máis de 200 persoas diagnosticadas con Esclerose Lateral Amiotrófica (ELA) recibiron as axudas de ata 12.000 euros durante o seu primeiro ano de implantación. Así o manifestou no pleno do Parlamento de Galicia en resposta a unha pregunta oral sobre o impacto desta medida que, apuntou, se manterá nos orzamentos do próximo ano.

Fabiola García lembrou que Galicia foi a primeira Comunidade en impulsar esta medida pioneira, que permite atender de xeito directo e inmediato ás necesidades destas persoas nun momento tan difícil e complicado das súas vidas. A través destas axudas, ás que se destinou un orzamento de 3,2 millóns de euros, axúdaselle a esas persoas na compra de produtos básicos para o coidado, produtos sanitarios como cadeiras de rodas ou na adaptación dos seus fogares.

Así mesmo, recordou que durante os últimos anos o Goberno galego vén apostando por darlles todas as facilidades a estes pacientes a través de vías clínicas da ELA en cada centro hospitalario, que permiten axilizar o diagnóstico e a atención; a través de vías preferentes para tramitar as solicitudes de atención á dependencia en menos dun mes e acceder a servizos no menor tempo posible; e tamén a través destas axudas para o 100 % das persoas que reciben este diagnóstico.

Lei estatal ELA

A conselleira lamentou que o Goberno central manteña bloqueada e vetada a Lei estatal de atención ás persoas con ELA no Congreso. Sinalou que é obriga das Administracións públicas darlle prioridade a aquelas medidas destinadas á atención ás persoas máis vulnerables e que contan co apoio unánime da sociedade como é o caso desta normativa. Neste sentido, lembrou que esta ausencia de responsabilidade por parte do Goberno central coincide co incumprimento reiterado da Lei de Dependencia que lles obriga a cofinanciar ao 50 % o gasto na atención ás persoas maiores e con discapacidade. Galicia deixa de ingresar cada ano 150 millóns de euros polo incumprimento desta Lei.

Data de actualización: 05/12/2023