A Xunta entrega un desfibrilador automático ao equipo de protección civil do concello de Pontedeume

A delegada territorial proporcionou aos representantes locais este material co que se reforzan os servizos de emerxencias municipais desta localidade

Con este equipamento o Goberno galego completa as dotacións solicitadas polos municipios de menos de 20.000 habitantes que conten con Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil

Ferrol, 7 de decembro de 2023
Compartir
  • whatsapp

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, fixo hoxe entrega dun desfibrilador semiautomático (DESA) para o equipo de Protección Civil do concello de Pontedeume, un equipamento co que a Xunta de Galicia pretende reforzar o material dos servizos de emerxencias municipais desta localidade.

O material proporcionado, co que se completan as dotacións solicitadas polos municipios de menos de 20.000 habitantes que conten con Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) como é o caso da vila eumesa, inclúe un desfibrilador externo cun mínimo de dous xogos de parches de electrodos, outro de dous baterías, cable de conexión a porto USB, kit de reanimación cardio-pulmonar e mochila impermeable.

Tal e como lembrou a delegada territorial, o DESA é un aparello electrónico portátil e sinxelo de manexar que identifica e trata a parada respiratoria. A súa efectividade radica na identificación automática da desfibrilación ventricular ou dunha taquicardia ventricular sen pulso, restablecendo un ritmo cardíaco efectivo electricamente.

Aneiros enxalzou a efectividade destes aparellos nos chamados paros cardíacos e a súa contribución á hora de actuar de forma coordinada cos profesionais do 061, “mellorando os tempos de resposta ante unha parada cardíaca coa fin de que o paciente aguante ata a chegada dos servizos profesionais médicos”, dixo.

“A Xunta mantén así o compromiso coas Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil de Galicia -son 235 na actualidade- dotándoas dos medios adecuados cos que garantir a seguridade de toda a poboación e prestar un servizo uniforme en toda a comunidade”, explicou Aneiros.

A delegada abundou ademais en que, a pesar de tratarse dunha competencia local, o Goberno galego asume máis da metade cos costes anuais dos Grupos Supramunicipais de Emerxencias (GES) e dos consorcios provinciais contraincendios e salvamento.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 07/12/2023