Rueda anuncia que a Xunta prohibirá o uso dos móbiles nos recreos, no comedor e nas actividades extraescolares

Asegura que esta medida permitirá “impulsar as relacións interpersoais e mellorar a convivencia”

Aclara que se consensuará coa comunidade educativa a franxa de idade na que se aplicará esta medida, que se prevé pór en marcha no segundo trimestre do curso, tras a volta das vacacións de Nadal

Salienta que Galicia é unha das catro comunidades que xa non deixaba utilizar os dispositivos nas aulas

Lembra que, na actualidade, o 75% dos centros de secundaria xa prohibe o teléfono no tempo de lecer

De xeito complementario, porase en marcha unha aplicación no programa E-Dixgal para reforzar as medidas de navegación segura

Como novidade, distribuirase unha Guía de boas prácticas E-Dixgal

Santiago de Compostela, 7 de decembro de 2023
Compartir
  • whatsapp

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que a Xunta vai prohibir o uso dos móbiles no tempo de lecer do alumnado nos centros educativos. En concreto, será nos recreos, no comedor, nas entradas e saídas ou as actividades extraescolares. O mandatario galego defendeu esta medida para “impulsar as relacións interpersoais e mellorar a convivencia” nos colexios e institutos galegos.

Rueda lembrou que Galicia é hoxe en día unha das únicas catro comunidades autónomas que non permite estes dispositivos nas aulas agás se é con fins pedagóxicos e baixo supervisión do profesorado, tal e como quedou recollido en 2015 no decreto que desenvolve a Lei de convivencia e participación da comunidade educativa.

Ata o momento, é cada centro educativo o que, no marco da súa autonomía, decide se permitir ou non estes dispositivos nos recreos e noutros períodos non lectivos. Pero, como explicou o presidente, a Xunta constatou que actualmente “o 75% dos centros de secundaria xa prohibe o uso dos móbiles no tempo de lecer” que os estudantes pasan no instituto. Polo tanto, apuntou que o Goberno galego o que busca con esta decidisión é “estender esta prohibición”.

A medida enmárcase na liña 5 do novo Plan integral de acoso escolar e ciberacoso 2023-25, centrada no deseño e desenvolvemento de iniciativas que contribúan a pór freo a calquera situación deste tipo. O seu obxectivo é revisar e actualizar a normativa vixente co fin de conseguir unha convivencia positiva nos centros educativos, no ámbito da tolerancia cero a todo tipo de acoso, e mellorar igualmente o benestar dixital.

Rueda aclarou que se abordará coa comunidade educativa cal vai ser a franxa de idade a que se lle vai aplicar esta prohibición, ao tempo que lle pediu colaboración nesta medida, da que admitiu que a súa aplicación “non é sinxela, pero si posible”. Do mesmo xeito, adiantou que a intención “ambiciosa” é que esta medida comece a aplicarse no segundo trimestre deste ano, “tras a volta de vacacións do Nadal”.

Melloras no libro dixital

De xeito complementario, Rueda avanzou que a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, en colaboración coa Consellería de Educación, vai reforzar a navegación segura do alumnado no marco do proxecto de libro electrónico gratuíto

E-Dixgal, a través do cal 64.200 alumnos contan cun ultraportátil en réxime de préstamo para o seu uso.  

Hai 630 colexios e institutos adheridos voluntariamente, desde 5º de Primaria a 4º de ESO, que desenvolven parte da súa actividade nun contorno virtual de aprendizaxe que lles permite acceder a contidos dixitais totalmente gratuítos para as familias. O presidente explicou que no centro os ordenadores se conectan á rede corporativa da Xunta, que non deixa acceder a contidos inapropiados, e na casa os rapaces poden empregar os ordenadores sen conexión, o que lles permite gardar todo o traballo e cargalo de novo no centro.

Dado que en ocasións se conectan á rede da internet doméstica sen supervisión familiar, instalarase unha nova aplicación que dará ás familias maior seguridade sobre o coidado e benestar dixital dos seus fillos. A aplicación, xa testada nalgúns centros de xeito satisfactorio, cargarase progresivamente de xeito automático nos portátiles E-Dixgal e o despramento quedará completo en xaneiro, o que permitirá filtrar a actividade dun equipo informático, evitando accesos non autorizados a sitios con información sensible ou que non son axeitados para o alumnado.

Ademais, está previsto pór á disposición da comunidade educativa unha Guía de boas prácticas E-Dixgal. Nela inclúense ligazóns a documentos e informes de referencia en identidade e competencia dixital, abórdanse os diferentes recursos tecnolóxicos e tradicionais das aulas E-Dixgal e as múltiples posibilidades de aproveitamento da educación dixital para novos enfoques metodolóxicos, entre outros aspectos.

Formación para a ciberseguridade

A Xunta de Galicia ten en marcha un amplo abano de iniciativas para reforzar a competencia básica dixital de toda a comunidade educativa no uso seguro e responsable da internet, así como o coñecemento dos riscos asociados ao ciberacoso.

Neste sentido, son máis de 200 os centros que participan no programa Iniciación segura á pegada dixital, dirixido a capacitar o alumnado de 2º, 3º e 4º de ESO no uso seguro, responsable e proveitoso das TIC. Pola súa banda, Navega con Rumbo chegou o pasado curso a 240 centros de ensino de toda Galicia. Dirixido ao alumnado de 5º e 6º curso de Primaria, 1º de ESO e 1º de FP Básica, este programa ten como obxectivo favorecer o uso responsable da internet e das redes sociais entre alumnado, profesorado e familias.

Ademais, lévanse realizados máis de 1.500 relatorios en materia de ciberseguridade en centros de ensino ao abeiro do Plan director para a mellora da seguridade nos centros educativos e na súa contorna, impartidos por axentes e expertos das forzas e corpos de seguridade do Estado. Tamén en colaboración con eles, 34 centros galegos participaron este ano na CiberLiga preamateur de ciberseguridade.

Así mesmo, iniciativas como Educación Responsable (coa participación de 42 centros) e o premio de boas prácticas ConVivimos afondan no benestar emocional e tratan tamén a educación dixital. No eido das familias, a capacitación no uso seguro da internet abórdase igualmente desde as escolas de nais e pais, fundamentalmente.

No que atinxe aos docentes, o Plan anual de formación do profesorado inclúe formación especializada neste ámbito para que conten cos coñecementos e as ferramentas necesarias para o seu desenvolvemento profesional nun contorno cibernético seguro.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 07/12/2023