O conselleiro comprobou hoxe a finalización das obras de construción da nova lonxa, na que se investiron 645.000 euros

A Xunta executa melloras por importe de 1,5 millóns de euros nas instalacións portuarias do municipio de Poio

Alfonso Villares lembrou que Portos de Galicia leva a cabo tamén as obras de remodelación e humanización do acceso ao porto de Raxó por 830.000 euros

Os orzamentos da Xunta para 2024 recollen un investimento plurianual de 2 millóns de euros para a renovación dos departamentos para usuarios de Combarro

O titular de Mar sinalou que se están a recompilar os datos necesarios para solicitar ao Estado a petición de zona de emerxencia nas rías para conseguir que as posibles axudas cheguen a tódolos afectados pola mortaldade do marisco

Poio (Pontevedra), 7 de decembro de 2023

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, está a investir 1,5 millóns de euros en actuacións de mellora dos portos de Campelo e Raxó, no municipio de Poio. Así o comunicou esta mañá o titular do departamento autonómico, Alfonso Villares, nunha visita ás obras de ampliación e remodelación da nova lonxa de Campelo, recentemente finalizadas. 

O conselleiro do Mar comprobou o remate dos traballos en Campelo, nos que se investiron 645.000 euros e que permitiron acondicionar e ampliar a zona de uso administrativo e a distribución de espazos da zona de vendas anterior, para satisfacer as demandas dos usuarios e traballadores do edificio. Neste sentido, lembrou que na lonxa de Campelo desenvolven a súa actividade profesionais de tres confrarías diferentes, como son as de Lourizán, Raxó e Pontevedra.

Alfonso Villares explicou que para mellorar as condicións de actividade do edificio foi necesaria a ampliación no extremo sueste, sobre a zona de acceso e do aparcadoiro. O esquema de uso mantense, quedando a zona de oficinas e acceso de público na planta baixa e as estancias destinadas a reunións na planta alta. Dótase dun forxado intermedio para o almacenamento de caixas e na planta baixa inclúese unha estancia de almacén vinculada directamente coa nave principal da lonxa.

En canto ás comunicacións verticais, a escaleira de caracol existente retirarase e a comunicación coa planta alta trasladarase á zona ampliada, onde se situará tamén un ascensor para garantir a accesibilidade a todo o edificio. Nesta nova zona ampliada situaranse os aseos públicos e un despacho. Na planta superior modificarase a cuberta para permitir un mellor aproveitamento e a entrada de luz natural e engadiranse unha sala de reunións, os aseos para o persoal, un pequeno almacén e un cuarto de instalacións con ventilación directa ao exterior.

Durante a súa visita ao municipio de Poio, o conselleiro do Mar lembrou tamén que o seu departamento, a través de Portos de Galicia, está a executar outra actuación de importante envergadura no concello como é a remodelación e humanización do acceso ao porto de Raxó. Nesta actuación a Xunta está a investir outros 830.000 euros e prevé que os traballos poidan quedar rematados na vindeira primavera. A actuación prevista pretende humanizar o vial, con criterios máis amables para os peón e inclúe a rede de instalación de servizos urbanos.

Outros investimentos previstos

Alfonso Villares, subliñou tamén outra actuación destacada prevista por Portos de Galicia para o municipio de Poio como é a renovación dos departamentos de usuarios de Combarro. O conselleiro do Mar explicou que os orzamentos da Xunta para 2024 recollen un investimento plurianual de 2 millóns de euros para esta obra, cunha partida para o vindeiro exercicio de 121.000 euros. Esta actuación pretende dotar aos profesionais que operan no porto de Combarro dunhas instalacións que permitan mellorar as súas condicións de traballo.

O titular de Mar remarcou deste xeito o importante esforzo orzamentario da Xunta de Galicia nas infraestruturas portuarias do municipio de Poio nas que está a investir 1,5 millóns de euros e proxecta unha achega doutros dous para as vindeiras anualidades.

Situación do marisqueo

A preguntas dos xornalistas, Alfonso Villares reiterou que a Xunta está a traballar na solicitude ao Goberno do Estado para que se declare as áreas das rías como zonas catastróficas -en concreto zonas afectadas gravemente por unha emerxencia- polo impacto da alta temperatura da auga, os temporais dos últimos meses e as caídas na salinidade das rías provocadas polas fortísimas choivas.

 

O conselleiro sostén que esta medida permitiría que o Estado se encargue da reparación dos danos en producións de acuicultura mariña chegando a todos os afectados. Para iso estanse a recompilar os datos para os informes necesarios para fundamentala: análise pluviométrica, da salinidade das augas e da mortaldade dos moluscos en cada unha das áreas. Cando se conte con eles poderase presentar ante o Estado. “O fundamental é que non queda ninguén fora, e a vía, máis axeitada para acadalo é esta declaración”, dixo, aínda que se exploren tamén outras vías de axudas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/12/2023