A Xunta mellora a dotación de medios aéreos para reforzar a loita contra os incendios forestais nos vindeiros catro anos cun orzamento que supera os 38 M€

Rueda informou de que o Consello do Goberno galego autorizou hoxe a contratación de seis avións de carga en terra e dun servizo integral de helicópteros e brigadas, con outros seis aparellos máis, para os anos 2024, 2025, 2026 e 2027

No caso dos helicópteros e as brigadas, o contrato poderá ser prorrogado por un período máximo de 24 meses para as anualidades de 2027, 2028 e 2029

A contratación dos avións de carga en terra suporá a ampliación do servizo durante máis tempo ao longo do ano e a incorporación ao dispositivo de dous novos aparellos, que se destinarán á futura base de Verín-Oímbra, enmarcada nun proxecto europeo de colaboración entre España e Portugal

Deste xeito optimízase a operatividade destes medios procurando dar unha resposta o máis áxil, rápida e eficaz posible aos lumes

Santiago de Compostela, 7 de decembro de 2023
Compartir
  • whatsapp

O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, destacou hoxe a autorización do Consello da Xunta de dúas contratacións por valor de máis de 38 millóns de euros destinadas a ampliar e mellorar a dotación de medios áreos “para reforzar a loita contra os incendios forestais”. Segundo precisou, trátase de dous procedementos, un destinado a contratar un total de seis avións de carga en terra e o outro para a subministración dun servizo integral de helicópteros e brigadas (catro en total), con outros seis aparellos máis. 

O período de contratación de ambos servizos prolongarase ao longo dos vindeiros catro anos e, no caso dos helicópteros e as brigadas, poderá ser prolongado por un período máximo de 24 meses para as anualidades de 2027, 2028 e 2029. O importe de licitación ascende, en conxunto, a 38,1 millóns de euros. Deles, Rueda explicou que 24,8 millóns corresponden aos helicópteros e as brigadas e os restantes 13,3 millóns aos avións de carga en terra.  

No caso dos avións, o novo contrato suporá contar con dous aparellos máis e o servizo prolongarase por un maior período de tempo, de oito meses ao ano, é dicir, un mes e medio máis que ata o de agora. Así, o servizo estará constituído por seis avións durante 4.320 días de servizo, cun total de 4.320 horas de voo.  

Helicópteros e brigadas

Con respecto aos helicópteros e as brigadas, o servizo prestarase por un total de seis aparellos de tipo medio, podendo coincidir ou non todos no mesmo momento. Inclúese tamén a prestación de catro brigadas helitransportadas que tamén poderán coincidir ou non de xeito simultáneo. A contratación será de 3.109 días de dispoñibilidade de helicóptero, cun total de 4.344 horas de voo contratadas. As brigadas helitransportadas prestarán servizo durante 1.842 días.  

En ambos os dous casos -avións e helicópteros-, o prazo total de duración do contrato será dun máximo de 36 meses desde o 1 de xullo de 2024 (ou desde o día seguinte ao da formalización do contrato, de ser posterior) e o servizo prestarase durante as anualidades de 2024, 2025, 2026 e 2027. Na dotación de helicópteros e brigadas, contémplase a posibilidade de prórroga do contrato, que se acordará antes da finalización do seu período ordinario de execución, e que poderá ser ampliado por un período máximo de 24 meses para as anualidades de 2027, 2028 e 2029. 

Tamén nos dous casos, as aeronaves contratadas quedarán a plena e exclusiva disposición da Consellería do Medio Rural para a súa aplicabilidade nas diferentes misións de loita contra os incendios, ou calquera outra relacionada con esta materia e que a Xunta dispoña, sempre de acordo coas prestacións técnicas dos aparellos. 

Rapidez e axilidade

O número medio de incendios e a simultaneidade na súa incidencia fan que a Administración necesite dotarse, dentro do seu dispositivo de prevención e defensa, de medios aéreos que, de forma rápida, poidan acudir aos incendios e participar na súa extinción. Debido á heteroxeneidade que presenta a orografía galega e ás distintas tipoloxías de incendios, é preciso dispor de medios aéreos de distintas clases, orientados cada un a un tipo de misión distinta. As diferentes misións que levan a cabo os medios aéreos son -ademais do lanzamento de axentes extintores como auga e retardantes- o transporte de persoal (só os helicópteros), a vixilancia de zonas de risco de incendios e a coordinación doutras aeronaves que actúan nun incendio. 

O caso particular do emprego de avións de carga en terra nestas tarefas ten resultados moi positivos. Trátase dun medio que, debido á súa axilidade e rapidez nos desprazamentos, resulta moi útil para a extinción de incendios nun radio de 30-40 quilómetros desde a súa base operativa.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 07/12/2023