O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, acompañado pola delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, dá conta das obras previstas

Román Rodríguez anuncia que a Xunta investirá 7 M€ para rehabilitacións, ampliacións e melloras en sete centros de FP e institutos de Ferrol

Subliña que estas actuacións supoñen unha forte aposta da Xunta polo ensino neste concello, con infraestruturas adaptadas ás novas demandas e máis sostibles e confortables

Na liña de reforzo das ensinanzas de FP, a Consellería de Educación levará a cabo obras nos tres centros integrados de FP: Ferrolterra, Leixa e Rodolfo Ucha

Tamén serán obxecto de mellora os institutos Sofía Casanova, Carvalho Calero, Concepción Arenal e Ferrol Vello

Todas as obras, cuxos trámites comezarán en 2024, enmárcanse no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica

Ferrol (A Coruña), 9 de decembro de 2023
Compartir
  • whatsapp

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidade, Román Rodríguez, acompañado pola delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, anunciou hoxe unha inxección de arredor de 7 millóns de euros para acometer obras de ampliación, rehabilitación e mellora en sete centros educativos desta cidade durante o próximo ano 2024. Trátase dos centros integrados de FP Ferrolterra, Leixa e Rodolfo Ucha Piñeiro e dos institutos Sofía Casanova, Carvalho Calero, Concepción Arenal e Ferrol Vello.

“Isto, ademais de reflectir o compromiso explícito da Xunta de Galicia cos cidadáns ferroláns, supón unha importante renovación das principais infraestruturas do ensino neste concello”, asegurou Román Rodríguez, que avanzou tamén que os trámites administrativos para todas estas actuacións van comezar ao longo de 2024 coas redaccións dos distintos proxectos “que serán os que detallen, desde unha perspectiva técnica, os pormenores das accións en cada un deles”.

Aposta pola FP

Na liña da aposta do Goberno galego polo impulso e reforzo das ensinanzas de Formación Profesional en toda Galicia, e especialmente na área de Ferrol, o conselleiro de Educación avanzou que a meirande parte do investimento -arredor de 4,7M€- absórbena as actuacións previstas nos tres centros integrados de FP radicados neste concello e que dan servizo a toda a comarca.

Así pois, no CIFP Ferrolterra está prevista unha ampliación por un importe de 2,5M€, mentres que no CIFP Leixa procederase a unha rehabilitación integral por un valor de 1,5M€ e outros 700.000 euros destinaranse ao CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro para acometer a reforma das cubertas.

Por outra parte, a Consellería tamén ten previsto actuar en catro dos sete institutos cos que conta esta cidade co fin de acadar infraestruturas educativas máis confortables e sostibles así como preparadas para encarar os retos tecnolóxicos das próximas décadas, tal e como establece o Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica.

Obras en catro de sete institutos

Neste senso, a obra de maior envergadura desde o punto de vista investidor é a rehabilitación integral que se vai levar a cabo no Instituto IES Sofía Casanova, por un importe de 1,5M€. No caso do IES Ricardo Carvalho Calero instalarase unha cuberta para educación física e reformarase o actual ximnasio da planta alta para uso de aulario, o que suporá un investimento aproximado de 650.000 euros.

A Consellería tamén ten previsto dotar o IES Concepción Arenal dunha pista cuberta e o Ferrol Vello dun pavillón polideportivo, para o cal aínda non hai unha estimación de custo porque -tal e como explicou Román Rodríguez- estase á espera dos informes urbanísticos que confirmen a viabilidade destas dúas actuacións de xeito que teñan todas as garantías.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 09/12/2023