O conselleiro do Mar analiza as primeiras propostas no Consello de Ministros de Pesca da UE que aborda as capturas para o ano próximo

Galicia reclama avances que permitan elevar as posibilidades de pesca da súa frota para 2024 fronte á proposta inicial que se negocia da Comisión Europea

Desde a comunidade pídeselle ao Ministerio que se aproveite a presidencia de España do Consello para propiciar avances nas cotas e os totais admisibles de capturas nas especies de maior interese para os profesionais do mar galegos

De novo se defende desde a Xunta que se teñan en conta os aspectos sociais e económicos nun reparto de cupos nun equilibrio coas recomendacións dos científicos

Trasladouse o forte impacto dos recortes no xurelo, en especial na frota do cerco, reclamando un estudo por zonas que permita fixar posibles capturas en cada área

Bruxelas, 11 de decembro de 2023

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, reclama que se produzan avances na negociación que se mantén no Consello de Ministros de Pesca da Unión Europea que debe fixar os totais admisibles de capturas (TAC) e cotas para 2024 en augas comunitarias, pois de momento son escasos fronte á proposta inicial presentada pola Comisión Europea. O obxectivo de Galicia é que a súa frota poda dispor para o ano próximo duns cupos que garantan un futuro sostible tamén nos ámbitos social e económico, en equilibrio coas recomendacións científicas e o respecto ambiental. A aposta non debe ser, dixo, limitar os recortes ou manterse, senón “poder pescar máis”.   

O titular de Mar, que acompañado do director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, está a seguir xunto ao sector desde Bruxelas os debates malia non formar parte da delegación negociadora española -composta polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e o Goberno valenciano en representación das comunidades autónomas-, manifestou a súa esperanza de que se poda acadar un acordo positivo para a frota galega, aproveitando a oportunidade que supón a presidencia española do Consello da UE para mellorar a proposta e así acadar os obxectivos marcados que permitan atender ás necesidades da frota e garantir o seu futuro.

Alfonso Villares volveu a poñer en valor o esforzo da frota galega, unha das máis sustentables e das que mellor pesca do mundo, en base a criterios medioambientais pero tamén respectando os recursos e as condicións laborais.

Nesta xornada producíronse encontros con representantes do sector pesqueiro e coa secretaria xeral de Pesca, Isabel Artime. Ademais, mantense un contacto directo co conseller valenciano, José Luis Aguirre, que participa no cumio dentro da delegación negociadora española que lidera o ministro Luis Planas. Púxose de manifesto que entre os aspectos positivos están algunhas taxas plurianuiais, vella demanda galega, que permitirán mellor xestión da actividade pesqueira. Sen embargo, mantense a desconfianza polo feito de que as propostas para algunha delas se xeren en base a un recorte importante, como pode ser o caso do abadexo na zona do Cantábrico. Esta especie é, xunto co linguado e o merlán, tamén de interese para a frota galega, algunhas das que parecen centrar as principais discusións no cumio.

Desde a Xunta aportouse tanto ao sector como ao Ministerio toda a información sobre as pesqueiras de relevancia para Galicia co obxectivo de conseguir elevar finalmente a capacidade de capturas que se recolle no documento coa proposta inicial que trasladou a Comisión Europea e é a base da negociación.

Por exemplo, Galicia pide que se atenda ao impacto dos recortes e o peche no xurelo do Cantábrico e Gran Sol, que supuxeron un golpe de 11 millóns de euros ao sector e en especial á frota de cerco. Esta afección foi trasladada á Secretaría Xeral de Pesca do Ministerio para que puidese contar con ela no proceso negociador. Tamén se reclamou que se realice o estudo por zonas que se comprometeu a pasada campaña, que non se fixo e podería resultar determinante para poder establecer TAC diferentes segundo as áreas.

Tamén se reclamou que se recoñeza o papel que algúns Estados membros, como é o caso do español e especialmente Galicia e algunha otra comunidade autónoma, están a facer no relativo á anguía, pois non todos teñen o mesmo nivel de ordenación e xestión da pesqueira, e tamén deben recoñecer o impacto socioeconómico que ten en casos como o galego. Esta especie pasou a estar desde este ano sometida a dúas vedas trimestrais, cando antes era de tres meses.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/12/2023