Rueda anuncia que a Xunta convocará en 2024 case 1.750 prazas en oposicións para o ensino público

Destaca que se trata “da maior oferta dos últimos cinco anos” e que o 86% dos postos serán de novo ingreso

Explica que haberá 1.512 prazas distribuídas en corpos de mestres (520), profesores de ensino secundario (875), profesores especialistas en sectores singulares da FP (84) e docentes de escolas oficiais de idiomas (33)

Salienta que, grazas a este proceso, Galicia vai consolidarse “como a comunidade coa interinidade docente máis baixa de España”

Con esta convocatoria “serán máis de 18.500 as prazas convocadas desde 2009”
 

Santiago de Compostela, 14 de decembro de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, avanzou hoxe que a Xunta convocará en 2024 un total de 1.743 prazas en oposicións para o ensino público, das que o 86% serán de novo ingreso. “É a maior oferta de prazas para profesorado dos últimos cinco anos”, destacou o titular do Goberno autonómico.

Deste xeito, tal e como recolle un informe hoxe avaliado no Consello, Galicia retoma os procesos ordinarios de oferta de emprego público, no marco da aposta da Xunta polos docentes. Trátase, ademais, dunha aposta pola calidade do sistema de ensino público galego, que redunda tamén nunha mellor atención ao alumnado.

Rueda salientou que, con esta nova convocatoria, Galicia vai consolidarse como a “comunidade coa interinidade docente máis baixa de España”. Isto permitirá ao sistema educativo galego seguir nunha posición vantaxosa fronte unha media de España do 25 %.

Ratifica, ademais, o apoio do Goberno galego á estabilidade docente. Non en balde, con esta nova oferta elévanse “a máis de 18.500 as prazas convocadas desde 2009 no ensino público, máis de 9.500 nesta lexislatura”, segundo explicou o presidente. A esta política activa de emprego público súmase o acordo histórico asinado con tres das catro organizacións sindicais da Mesa Sectorial para a mellora das condicións laborais dos docentes e do ensino en xeral, ratificado no pasado Consello da Xunta.

Probas en xuño

Rueda indicou que as 1.512 prazas de novo ingreso da convocatoria de 2024 serán para mestres (520 prazas), para profesores de ensino secundario (875), de escolas oficiais de idiomas (33), e do novo corpo de profesores especialistas en sectores singulares da FP (84). As restantes 231 prazas irán dirixidas a que funcionarios docentes poidan acceder ao corpo de profesores de ensino secundario (220 prazas) ou ao de inspectores de educación (11 prazas).

Nas vindeiras semanas levarase a oferta á Mesa Sectorial para concretar as especialidades, de cara á publicación da convocatoria. Como é habitual, as probas comezarán a finais do mes de xuño de 2024.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/12/2023