Unha trintena de obradoiros de Artesanía de Galicia participan no compostelán Mercado da Estrela co apoio da Xunta

A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitou hoxe a 12ª edición deste evento que se celebra ata o domingo en Santiago de Compostela e na que participan obradoiros artesanais dedicados á xoiería, á cerámica, á madeira, á moda, aos xoguetes ou ao coiro, entre outros

Destaca o papel da artesanía para a dinamización do comercio local e anima a apoiar o talento e a apostar polos produtos feitos á man, individualizados e de calidade
 

Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2023

A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitou esta mañá a feira creativa do Mercado da Estrela, un evento de referencia no Nadal de Santiago de Compostela, que se celebra ata mañá domingo e que conta un ano máis coa colaboración da Consellería de Economía, Industria e Innovación.

Durante a súa visita, a xerente destacou o papel da artesanía na dinamización do comercio local, moi especialmente nunhas datas como as do Nadal, e animou a apoiar o talento artesanal galego e a apostar polos produtos feitos á man, individualizados e de calidade que se comercializan baixo a marca Artesanía de Galicia.

O Mercado da Estrela é un festival gratuíto no que se amosa o talento e a creatividade de profesionais galegos de diferentes disciplinas e que se realiza en varios espazos da zona vella compostelá.

O espazo dedicado a Artesanía de Galicia –situado no segundo andar da obra social de Abanca (Praza de Cervantes)– conta con 31 expositores especializados en oficios como a cerámica e a olería, a xoiería, os xoguetes, a moda, a sombreirería, a cestería, a forxa, a bixutería, a serigrafía e o coiro. A feira creativa estará aberta ata mañá domingo en horario de 11:00 a 21:00 horas.

Os expositores de Artesanía de Galicia que participan nesta 12ª edición do Mercado da Estrela Cavalinho do demo (Fornelos de Montes), Sopa de Nuez (Lugo), Jerolas (Curtis), Tuuinx (Ames), Gaia cerámica (Gondomar), Leónlagata (Sanxenxo), Eailustra (Cerdedo-Cotobade), J. Eiroa Forxa (Culleredo), Alba Domínguez – Selébrities (O Grove); Mimacuir (Taboada); Conloquetengo (As Pontes); Carballo Estrela (Pontevedra); O Carabel Ecocestos (Ferrol); Adanegra Textil (A Guarda); os obradoiros de Pontedeume Julia Vilariño e Hana no Boshi; os da Coruña Pasamarela, Zeltia ao aire; os obradoiros de Vigo Como pez en el agua, Mario López e Blautorpías; os de Ourense Boro e Fento do Vento; os da Estrada Dona Formiguinha e Capixuta; e mais os obradoiros composteláns Milena Colella, Contraform, Boneco tolo, Jatafarta, Latonta y Larubia e Brigantia Orfebres.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/12/2023