A Xunta avoga por un rural que atraia nómades dixitais e traballadores en remoto para nutrirse do seu potencial e impulsar as economías locais

O secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández, acompañado da directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao, visitou o proxecto de ‘coliving’ iSlow Costa da Morte

Laxe (A Coruña), 19 de decembro de 2023

O secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández, acompañado da directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao, visitou hoxe o proxecto de coliving iSlow Costa da Morte en Laxe, onde referendaron o compromiso da Xunta de Galicia de aproveitar o potencial innovador do rural para atraer traballadores.

Coa súa visita, os representantes autonómicos puxeron en valor esta iniciativa que avoga por revitalizar as contornas rurais e por contribuír ao seu desenvolvemento económico.

A Xunta de Galicia, na mesma liña, quere dar cabida na comunidade a nómades dixitais ou profesionais en remoto a través de espazos coliving, que engaden aos servizos de coworking a posibilidade de residir nestes lugares de xeito temporal. O obxectivo desta iniciativa é seguir dinamizando o rural galego, xerando actividade económica dun modo sustentable e innovador.

O proxecto quere aproveitar o potencial de crecemento das contornas rurais, que xa se está a ter en conta no despregamento da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego que conta na actualidade con doce centros activos, tres deles na provincia da Coruña: Coristanco, Ferrol e Melide. 

A rede de polos xa asesorou máis de 900 emprendedores en pouco máis dun ano de funcionamento. En 2024 o Goberno galego seguirá a reforzala, con máis de 2,7 millóns de euros para garantir o seu mantemento. Outros 7 millóns destinaranse a axudas para proxectos de emprendemento postos en marcha ao abeiro desta Rede.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/12/2023