O presidente da Xunta inaugurou en Marín as novas instalacións da Xunta para as persoas maiores

Rueda enxalza o papel dos centros de día como ferramenta fundamental contra o illamento e descarga de traballo para familias e coidadores

Destaca a aposta da Xunta por seguir ampliando as posibilidades de coidados para darlles a todas as persoas maiores “unha pequena parte do que elas aportaron á sociedade ao longo da súa vida”

O Goberno galego ten ampliando o número de prazas de atención diúrna ata acadar as 6.000 actuais

Marín (Pontevedra), 20 de decembro de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, salientou hoxe o importante papel que xogan os centros de día para evitar o illamento dos maiores, así como mellorar a súa autoestima e reducir a carga de traballo das familias e coidadores. “Os centros de día que son un servicio fantástico e canto máis se coñece máis se utiliza polo ben que está a xente aquí coidada, o desafogo que é para moitas familias e tamén para as persoas usuarias estar en compañía doutras persoas durante moitas horas do día ben atendidas e desfrutando”, asegurou.

 

O presidente referiuse así durante a inauguración dun novo centro destas características da Xunta en Marín, acto no que estivo acompañado pola conselleira de Política Social, Fabiola García. Así mesmo, indicou que a atención a maiores é unha prioridade para o Goberno galego e por iso, as contas da Xunta do vindeiro ano destinarán 540 M€ á atención sociosanitaria e o coidado das persoas maiores. Un investimento co que se pretende consolidar e avanzar no acadado ata o momento, onde Galicia supera na actualidade os 73.000 persoas con dependencia atendidas, o que supón unha cifra récord.

 

“Galicia ten que ser o mellor lugar para vivir dende que un nace ata o final da súa vida e por suposto tamén para envellecer coas diferentes opcións”, asegurou Rueda, ao tempo que exemplificou a aposta da Xunta por seguir incrementando o gasto social da comunidade cos 5.000 euros aos que poderán acceder a partir do ano que vén as persoas dependentes que teñan un coidador na súa casa. “O noso deber é seguir ampliando as posibilidades sempre tendo en conta a calidade do servizo para darlles a todas estas persoas unha pequena parte do que elas aportaron á sociedade ao longo da súa vida para, ao final, facer entre todos unha Galicia máis xusta, máis agradable para vivir e cos mellores servizos”, indicou.

 

Así, o Goberno galego ten ampliando o número de prazas de atención diúrna ata acadar as 6.000 actuais e elaborou un novo modelo de coidados que sitúa á comunidade á vangarda na atención residencial.

 

Sobre o centro de día de Marín

O presidente inaugurou este novo centro de día de Marín situado no primeiro andar da antiga Casa do Mar e ao cal a Administración autonómica achegou para a construción e equipamento deste novo servizo 250.000 euros, o 60 % do custe da obra, asumindo o restante o Concello.

 

Este novo centro, que compartirá edificio cunha escola infantil e a residencia de maiores da Xunta, acollerá inicialmente a 20 usuarios, aínda que existe a posibilidade de ampliar a capacidade ata as 40 prazas de atención. Contará con salas de usos múltiples, zona de rehabilitación, área de ocio, cociña, lavandería, despachos e baños.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/12/2023