A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade lembra no Parlamento que hai máis dun ano que a Xunta está en disposición de iniciar as obras, adxudicadas en novembro de 2022

Ethel Vázquez insta ao Concello de Gondomar a facilitar os terreos para que a Xunta invista máis de 2 M€ en reducir o risco de inundación

Vázquez Mourelle subliña que se o Concello asumise as responsabilidades que adquiriu no convenio coa Xunta as obras estarían rematadas ou a piques

Sinala que os Orzamentos da Xunta do vindeiro ano recollen as partidas necesarias para avanzar na actuación, 1,97 M€ en 2024 e 0,15 M€ en 2025, á espera de que o Concello cumpra cos seus compromisos

Insiste en que o Goberno galego está preparado para actuar no río Miñor, desde a ponte da avenida do Conde de Gondomar ata a ponte da avenida Curros Enríquez; e no Zamáns, desde a ponte da avenida Elduayen ata a súa desembocadura no río Miñor
 

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2023

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, instou hoxe ao Concello de Gondomar a facilitar os terreos para que a Xunta invista máis de 2 M€ en reducir o risco de inundacións nos ríos Zamáns e Miñor ao seu paso polo municipio.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade sinalou hoxe no Parlamento de Galicia que hai máis dun ano que a Xunta está en disposición de iniciar as obras, xa adxudicadas desde o 23 de novembro do 2022.

Detallou que os Orzamentos da Xunta do vindeiro ano recollen as partidas necesarias para avanzar na actuación, recollendo 1,97 M€ na anualidade de 2024 e 0,15 M€ na de 2025.

Neste sentido, lamentou que o Concello de Gondomar non estea a cumprir coa súa parte, coas responsabilidades que adquiriu no convenio de colaboración que asinou coa Xunta, ao non acreditar axeitadamente a posta á disposición dos terreos precisos para actuación.

Ethel Vázquez concretou que a Administración local presentou uns preacordos cos propietarios que non teñen validez ata que sexan ratificados en Pleno e se formalice a acta de ocupación, polo que legalmente é imposible que a Xunta poida iniciar os traballos.

Salientou que “se o Concello fixera o que ten que facer” a estas alturas as obras estarían rematadas ou a piques de estalo, xa que contan cun prazo de execución de 12 meses.

Contrapuxo esta falta de compromiso por parte do Concello de Gondomar coa acción doutros municipios, como o de Baiona, que cumpriu coa súa parte e, polo tanto, a Xunta puido levar a cabo as obras proxectadas estando, neste caso, xa finalizadas. 

Remarcou que o retraso na posta a disposición dos terreos necesarios por parte do Concello do Gondomar obrigou á Xunta a tramitar unha addenda ao convenio de colaboración co fin de reaxustar as anualidades ao ritmo de execución previsto e ampliar a vixencia do acordo.

Obras previstas

Ethel Vázquez insistiu en que a Xunta, a través de Augas de Galicia, está preparada e disposta a actuar xa no treito do río Miñor, que vai desde a ponte da avenida do Conde de Gondomar ata a ponte da avenida Curros Enríquez; e no treito do río Zamáns, desde a ponte da avenida Elduayen ata a súa desembocadura no río Miñor, co fin de minimizar o risco de inundacións.

As intervencións proxectadas prevén a demolición da ponte da avenida Curros Enríquez e a construción dun novo viaduto con máis amplitude, unha canle de alivio, conectando os ríos Zamáns e Miñor, ou outro muro pantalla que substitúa ao actual, entre outras actuacións.

Data de actualización: 20/12/2023