A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda visitou hoxe o polígono boirense

A Xunta culmina a construción da vía de conexión das estradas principais do parque empresarial de Espiñeira, en Boiro

A vicepresidenta segunda destaca que esta actuación dá resposta a unha demanda dos empresarios da zona para mellorar a mobilidade dentro do parque empresarial

Ángeles Vázquez salienta a complexidade da obra pola presenza de restos arqueolóxicos e a necesidade de adoptar medidas para protexelos

Boiro (A Coruña), 26 de decembro de 2023

A Xunta de Galicia concluíu as obras de construción da vía de conexión entre as dúas estradas principais do parque empresarial de Espiñeira, en Boiro.

A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, visitou hoxe a zona, onde destacou que esta actuación dá resposta a unha demanda dos empresarios do polígono co obxectivo de mellorar a mobilidade en toda a área empresarial.

A representante do Executivo galego destacou que a realización desta vía -denominada Eixo-2 no proxecto de urbanización- foi especialmente complexa pola existencia na zona de restos arqueolóxicos catalogados e protexidos pola normativa vixente. Ante esta situación adoptáronse as medidas oportunas de conformidade cos criterios e supervisión da Dirección Xeral de Patrimonio executando unha coieira cunha varanda de madeira que permite protexer adecuadamente a mámoa existente.

Durante as obras tamén se atopou unha peza arqueolóxica denominada “Pulidor” que foi entregada ao Museo do Barbanza para que pase a formar parte do patrimonio cultural da zona e que todos os interesados poidan visitalo.

A vicepresidenta segunda salientou a importancia desta conexión viaria entre as dúas estradas principais do parque empresarial pois permite vertebrar mellor a contorna e facilitar o labor das empresas localizadas nel impulsando a súa actividade.

Parque empresarial de Espiñeira

O parque empresarial de Boiro conta cunha superficie total de preto de 380.000 metros cadrados que se reparten en máis de 80 parcelas, todas elas ocupadas na actualidade. A obra desta vía para enlazar as dúas estradas principais, promovida pola empresa pública Xestur, supuxo actuar nunha superficie de máis de 1.500 metros cadrados e os traballos sobre o terreo desenvolvéronse durante preto de tres meses.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/12/2023