A Xunta activa a alerta laranxa por temporal costeiro nas provincias da Coruña e Lugo

O fenómeno adverso está activo desde primeira hora da mañá de hoxe e no noroeste e oeste do litoral coruñés e na Mariña lucense por ventos de forza 7 e mar combinada con ondas de ata 6 metros
 

Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese

Santiago de Compostela, 3 de xaneiro de 2024

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia Primeira da Xunta vén de activar a alerta laranxa por temporal costeiro no noroeste e oste do litoral da provincia da Coruña e na Mariña lucense.

Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), o fenómeno meteorolóxico adverso está activo desde primeira hora desta mañá por vento forza 7 mar adentro en torno a Bares e mar combinada con ondas de ata 6 metros. No resto da costa galega mantense o aviso de nivel amarelo por mar combinada do oeste ou do noroeste con ondas que poden superar os 5 metros.

Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.

A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes e paseos marítimos. Tamén que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.

Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/01/2024