A Xunta acusa ao Goberno central de ocultar información e de inacción por non activar o Plan nacional de emerxencias por contaminación mariña

O titular de Mar explicou que a administración autonómica non recibiu información oficial do suceso ata o 3 de xaneiro, mentres co goberno do Estado xa recibira información o pasado 20 de decembro
 

O conselleiro do Mar sinalou que é o Goberno central o que dispón de toda información é o que ten as competencias ao tratarse de contaminación marítima procedente dun buque desde augas portuguesas
 

O Goberno galego continúa monitorizando a situación e en contacto permanente cos concellos, mobilizando recursos autonómicos naqueles lugares onde sexan requiridos para axilizar as labores de retirada e limpeza dos residuos

Porto do Son (A Coruña), 06 de xaneiro do 2024

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, reclama ao goberno do Estado que active o Plan Nacional de Emerxencias por contaminación dado co vertido de pellets plásticos que está alcanzando a costa galega provén dun buque que estaba navegando en augas portuguesas, e polo tando, é a administración Central a competente. O titular de Mar fixo estas manifestacións acompañado polo alcalde de Porto do Son, Luis Oujo, polo director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basante e o subdirector xeral de Gardacostas de Galicia, Lino Sexto,  durante a visita á praia do Cabeiro para continuar visitando todas as zonas afectadas e seguir de primeira man a evolución do vertido e os traballos que se están acometendo desde a entidade municipal.

Alfonso Villares explicou que, a pesar das informacións que se están publicando, a administración autonómica non recibiu comunicación oficial do sucedido o pasado 8 de decembro, cando o buque mercante Toconao perdeu seis contedores en augas portuguesas un dos cales contiña pellets plásticos. A primeira comunicación, vía email, chegou á Consellería do Mar o 3 de xaneiro e na mesma se explicaba o sucedido así como que o día 20 de decembro xa fora comunicado á Dirección de Costas e á Delegación do Goberno sen que ninguén do Ministerio informara a Xunta dos pormenores do acontecido.

Nese sentido, o conselleiro amosou a súa preocupación e cuestionou as razóns polas que a Administración central non ofreceu esa información sobre o sucedido durante 14 días, nin se puxera en contacto co Goberno autonómico así como o feito de que non se tomara ningunha actuación para abordar esta problemática. “¿Cales foron as razóns polas que o Goberno, tendo toda a información e sabendo o que está acontecendo, non activou o Plan Nacional de Emerxencias por contaminación mariña sendo a administración competente para facelo?” cuestionou.

O responsable autonómico destacou que é o Goberno central quen ten acceso a toda a información a través de organismos como a Axencia Europea de Seguridade Marítima (EMSA) ou do Goberno portugués, en cuxas augas ten orixe o incidente, de acordo coa lexislación marítima internacional. Unha información, insistiu, que continúa sen facilitar ao Goberno galego polo que esixiu maior transparencia por parte dos responsables estatais. Nesa liña, explicou ca competencia cando a contaminación provén de buques ou plataformas fixas onde España exerce a súa soberanía recae sobre a Administración Xeral do Estado.  

A Xunta, pola contra, comezou a tomar medidas desde o minuto un activando o Plan Camgal (Plan Territorial de Continxencias por Contaminación Mariña Accidental de Galicia) a nivel 1 e mobilizando ao persoal de Gardacostas de Galicia e persoal de Tragsa para acometer as labores de vixilancia ao longo de toda a costa galega e apoiando aos concellos afectados nos traballos de limpeza e retirada dos sacos e restos deste material que alcancen a costa.

Apoio do sector

Alfonso Villares, que tamén estivo acompañado polo presidente da Federación Galega de Confrarías, José Antonio Pérez, e polo patrón maior de Porto do Son, Emilio Queiruga, e o patrón maior de Portosín, Isaac Gaciño, trasladou tranquilidade ao sector pesqueiro, cos cales está en permanente contacto así como con todos os concellos afectados, deixando claro que estase a actuar con todos os medios ao alcance co obxectivo de retirar a máxima cantidade de material e minimizar os posibles danos ao medio ambiente.

Por outra banda, resaltou que os custes dos traballos de retirada e limpeza que se están executando nestes días e que continuarán o tempo que sexan necesarios serán trasladados á empresa armadora do buque. Nese sentido compre sinalar ca Lei de Responsabilidade Ambiental sinala a obriga do responsable dun vertido de facerse cargo das medidas de prevención, evitación e reparación. Desde a empresa xa foi trasladada a súa vontade de colaborar coas administracións con medios técnicos e económicos para atallar a situación. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/01/2024