A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda estivo hoxe en Ribeira para coñecer o dispositivo de vixilancia e retirada de pellets en Sálvora

A Xunta mobiliza nas praias galegas un operativo medioambiental integrado por máis de 200 profesionais

Ángeles Vázquez explicou que as primeiras conclusións do informe do centro especializado Cetim sobre a composición do produto apuntan a que non é perigoso pero insiste na urxencia de que o Goberno central facilite a ficha técnica do material

Restos soltos e en cantidades testemuñais alcanzaron nas últimas horas as praias de Area dos Cans, en Sálvora, e as do Almacén e dos Bois, en Ons, onde unha ducia de vixiantes e traballadores do Parque Nacional traballan na súa detección e recollida

Ribeira (A Coruña), 8 de xaneiro de 2024

A Xunta mantén un operativo medioambiental integrado por máis de 200 persoas nas praias galegas co fin de retirar coa maior axilidade posible os restos de pellets plásticos procedentes de Portugal que están a chegar ao litoral nas últimas xornadas.

A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, desprazouse esta mañá ata o concello coruñés de Ribeira coa intención de supervisar o dispositivo humano despregado en Sálvora para a vixilancia e retirada dos restos “testemuñais” deste material que se detectaron na illa, aínda que, finalmente e debido ás malas condicións do mar, non foi posible desembarcar.

Tras poñer en valor o traballo realizado por axentes ambientais e vixiantes así como polo persoal de medios propios mobilizado no marco do operativo especial de detección e retirada de pellets nas praias galegas, a vicepresidenta avanzou que as análises encargadas pola Xunta a semana pasada para coñecer con exactitude a composición do material que está a chegar á costa, tanto en sacos como en forma de restos dispersos, constatan que se trata de polietileno, un dos plásticos de uso máis común.

Acompañada pola directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, e mais o director do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, José Antonio Fernández-Bouzas, Vázquez Mejuto explicou que xa se dispón das primeiras conclusións do informe encargado a Cetim (Centro tecnolóxico de investigación multisectorial), realizado a partir da análise das mostras recollidas nos últimos días.

“Temos a confirmación de que non é perigoso, pero si é plástico”, declarou Ángeles Vázquez, quen insistiu na necesidade e urxencia de que o Goberno central remita de inmediato “a ficha técnica do produto” que transportaba o mercante Toconao nun dos contedores que caeu ao mar mentres navegaba por augas portuguesas.

Así mesmo, incidiu en que “todas as administracións” deben facer “o esforzo necesario para realizar a recollida organizada, consensuada e con sentidiño” dos restos que chegan á costa, lembrando, ademais, que no caso de espazos naturais protexidos e zonas Rede Natura se deben solicitar os correspondentes permisos aos departamentos autonómicos competentes.

En concreto, no Parque Nacional, informouse de que polo momento só se produciu a chegada de pellets plásticos dispersos na zona norte de Sálvora, concretamente na praia de Area dos Cans, e en Ons, nas praias do Almacén e dos Bois, sen que se constatara afección no caso das illas de Cíes e Cortegada, ata o de agora.

Segundo indicou a vicepresidenta, a presencia tanto en Sálvora como en Ons deste material “é testemuñal” e se está procedendo á súa retirada con medios propios. De feito, unha ducia de vixiantes e persoal adscrito ao Parque Nacional permanece mobilizado nos catro arquipélagos realizando labores de recollida e vixiando a posible chegada de novos microplásticos aos areais do espazo natural.

“É o momento de traballar, de recoller os plásticos, de ser transparentes e de dar toda a información”, engadiu Ángeles Vázquez, que emprazou unha vez máis ao Goberno central a aclarar “dunha vez” e de forma oficial o número de toneladas de pellets plásticos que verteu ao mar o mercante Toconao en lugar de “embarrar”, lembrando que a vicepresidenta terceira e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico comprometeuse esta fin de semana a poñer á disposición “dos concellos e dos galegos e galegas” os medios necesarios para facer fronte á situación.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/01/2024