A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, asinou esta mañá coa alcaldesa, María Olga Iglesias, o convenio para acometer a mellora da instalación municipal

A Xunta e o Concello de Triacastela colaboran achegando 566.000 euros para ampliar a capacidade da depuradora e poder servir case ao dobre de poboación

Incrementarase a capacidade de depuración da planta de tratamento de augas residuais que poderá servir a 611 habitantes fronte aos 350 da actual, atendendo así ás necesidades derivadas do atractivo turístico do concello, integrado no Camiño Francés

Mellorarase o funcionamento da planta cunha decantación primaria e disporase dun novo tratamento secundario e dun novo sistema de desinfección ultravioleta

A Xunta cofinanciará as obras cunha achega do 90% do custo, case 510.000 euros, e encargarase da súa execución, mentres o Concello achegará o importe restante, 56.600€

Unha vez subscrito o acordo, continuarase cos trámites administrativos necesarios para a licitación das obras, prevéndose iniciar neste mesmo ano 2024
 

Triacastela (Lugo), 12 de xaneiro de 2024

A Xunta e o Concello de Triacastela colaboran achegando 566.000 euros para ampliar a capacidade da depuradora e poder servir case ao dobre de poboación.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, asinou hoxe coa alcaldesa de Triacastela, María Olga Iglesias, o convenio de colaboración para acometer a mellora da instalación municipal. No acto administrativo de formalización deste acordo participou tamén o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias.

Tal e como se recolle no convenio subscrito, a Xunta, a través de Augas de Galicia, cofinanciará as intervencións cunha achega do 90% do custo, case 510.000 €, e contratará, executará e dirixirá as obras.

O Concello de Triacastela, pola súa parte, contribuirá ao financiamento do 10% restante, achegando 56.600 euros. A administración local tamén deberá poñer á disposición os terreos necesarios e, ao remate das actuacións, asumirá a súa posta en servizo, explotación e mantemento.

Segundo indicou Vázquez Mourelle o obxectivo da colaboración é aumentar as posibilidades de depuración tendo en conta que a capacidade actual da depuradora non é suficiente para atender á poboación estacional. Ademais mellorará a calidade das augas do río Oribio que é onde verte a actual depuradora.

Cómpre sinalar que o municipio de Triacastela é un punto de atracción turística, punto de fin e partida dunha etapa do Camiño Francés. Esta afluencia considerable de peregrinos, especialmente na primavera e no verán, fai que as instalacións de depuración se poidan ver sobrepasadas nalgún momento.

A actual instalación é unha depuradora de biodiscos que está dimensionada para unha poboación de 350 habitantes. Fronte a isto, as necesidades estímanse en torno aos 500 habitantes, e prodúcense incluso picos de maior demanda coa chegada de peregrinos e turistas. 

Así, para incrementar a capacidade de depuración da planta, as obras recollidas no acordo de colaboración asinado hoxe prevén a instalación de tanques para a realización de decantación primaria, da que carece a depuradora actual. Os  sistemas de desbaste serán, un automático e outro de by-pass manual.

O tratamento primario realizarase mediante 2 tanques prefabricados cun volume unitario de 30 m³. Para o novo tratamento secundario instalaranse 2 liñas de biodiscos e un novo decantador lamelar con bombeo de purga dos lodos. Instalaranse dúas bombas, mantendo sempre unha en reserva.

A mellora da depuradora completarase cun novo sistema de desinfección ultravioleta.

Estas actuacións iranse desenvolvendo por partes: comezando polos traballos para derivar o caudal e os lodos desde o decantador existente ao momento de vertedura para poder demoler o espesador e xerar o espazo necesario para acoller os novos equipos.

Despois derivarase o caudal do pretratamento ao novo tratamento secundario e terciario, para demoler o resto de elementos e gañar espazo para instalar a decantación primaria. E, a continuación, instalarase a decatanción primaria e as conexións, finalizando cos traballos de urbanización.

Estas actuacións permitirán así aumentar a capacidade da planta de tratamento de augas residuais servindo a case o dobre de poboación, pasando de 350 a 611 habitantes equivalentes.

Unha vez subscrito este acordo no día de hoxe continuarase coa tramitación necesaria, coa consecución da documentación municipal preceptiva para a licitación das obras, co obxectivo de poder iniciar os traballo a finais de ano, cun prazo de execución de 6 meses.

As actuacións serán cofinanciadas pola Unión Europea a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), no marco do Plan Estratéxico da Política Común de España 2023-2027 en Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/01/2024