Javier Arias participa na presentación do libro que reivindica a figura da científica barreiresa Aurora Sampedro

Barreiros (Lugo), 12 de xaneiro de 2024

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, participou hoxe na presentación do libro “Universo Aurora”, de Manuel Rivero Pérez. A Xunta apoiou a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística esta obra que divulga a traxectoria de Aurora Sampedro Piñeiro, destacada científica e investigadora que, “en moitos aspectos, foi unha adiantada ao seu tempo”, segundo destacou Arias.

A presentación tivo lugar no Centro de Instrución e Recreo O Canteiro, situado en San Pedro de Benquerencia (Barreiros), o lugar onde naceu Aurora Sampedro no 1913. Doutora en Ciencias Químicas, no ano 1977 foi nomeada membro correspondente de Ciencias Experimentais pola Real Academia de Doutores de España.

Na súa intervención, Arias gabou os fitos que conseguiu a barreiresa, que alcanzou o prestixio internacional grazas ás súas investigacións nos campos da nutrición e da automoción.

 

Data de actualización: 12/01/2024