O conselleiro de Sanidade intervén na XII Xornada sobre saúde mental e adolescencia organizada pola asociación Emilia Gómez-Adafad

A Coruña, 22 de xaneiro de 2024

A saúde mental da mocidade ten todo o compromiso da Xunta, porque traballar en prol do benestar das persoas novas é garantir o éxito da nosa sociedade no futuro. Así o destacou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, na XII Xornada sobre saúde mental e adolescencia, da asociación Emilia Gómez-Adafad. No acto, o titular da carteira sanitaria estivo acompañado pola presidenta da asociación, Miriam Pérez, así como pola directora, María José Lamas.

O titular da carteira sanitaria sinalou que a Xunta promoveu unha nova lexislación de protección da saúde dos menores, que inclúe as adiccións sen substancia, como as relacionadas coa tecnoloxía e as redes sociais. Nesta mesma liña, o Goberno galego limitou aínda máis o uso dos móbiles nos colexios.

Na súa intervención, o máximo responsable da sanidade pública galega dixo que o Plan de saúde mental post covid 2020-2024, supuxo un cambio drástico na historia da saúde mental infanto-xuvenil, coa dotación de persoal e de novas unidades.

Para concluír, o conselleiro incidiu que, cando se trata de saúde mental, toda información é pouca, por iso agradeceu á organización destas xornadas a posta en común de coñecemento e recursos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/01/2024