A Xunta licita a redacción do plan estruturante para a ampliación do parque empresarial do Campiño, en Pontevedra, por máis de 260.000 euros

Ángeles Vázquez lembra que o PEOSE é un documento que, xunto co proxecto de urbanización, definirá o número de parcelas e o seu tamaño, as prazas de aparcadoiros ou as zonas verdes a desenvolver, entre outras cuestións

Pontevedra, 29 de xaneiro de 2024

A Xunta de Galicia investirá máis de 260.000 euros na redacción do plan estruturante de ordenación de solo empresarial (PEOSE) e dos instrumentos de desenvolvemento e execución para a urbanización da ampliación do parque empresarial do Campiño, en Pontevedra, tal e como publica hoxe a plataforma de contratos públicos de Galicia

Segundo explicou hoxe a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante un encontro con propietarios desta área industrial, na que estivo acompañada do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, o PEOSE é un documento que, xunto co proxecto de urbanización, definirá o número de parcelas e o seu tamaño, as prazas de aparcadoiros ou as zonas verdes a desenvolver, entre outras cuestións.

Nesa liña, Ángeles Vázquez subliñou que o obxectivo é ordenar unha superficie de preto de 350.000 metros cadrados para atender as necesidades do tecido produtivo da contorna e que complementará o solo industrial dispoñible na Central de Transportes e no parque empresarial da Reigosa, localizados no concello de Ponte Caldelas.

As empresas interesadas en participar na licitación e acceder ao contrato teñen de prazo ata o próximo 4 de marzo para presentar as súas propostas e o prazo de duración do contrato, que engade tanto os prazos de execución como os necesarios para a tramitación da documentación, estímase en 16 meses.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/01/2024