A Xunta impulsa a plataforma loxística de Mandiá coa adxudicación da redacción do plan de ordenación do seu solo industrial

A delegada de Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, e o xerente da sociedade Xestión de Solo de Galicia (Xestur), Diego Toja, deron conta hoxe desta adxudicación á empresa Antea Iberolatam

A nova área industrial disporá de máis de 1,6 millóns de m2 para acoller o asentamento de novas empresas

Ferrol, 3 de agosto de 2026

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, e o xerente da sociedade Xestión do Solo de Galicia (Xestur), Diego Toja, visitaron hoxe os terreos nos que se instalará a Plataforma Loxística Empresarial e Portuaria de Mandiá en Ferrol, e que será a primeira bolsa de solo industrial coa que contará a cidade.

Durante a visita, anunciaron a adxudicación da redacción do Plan estruturante de ordenación de solo empresarial (Peose) da nova área industrial á Antea Iberolatam por un importe superior a 199.700 euros máis IVE. A empresa conta agora cun prazo de execución de 24 meses.

Segundo explicou a delegada, este espazo empresarial contará con máis de 1,6 millóns de m2 “que servirán para acoller o asentamento de novas empresas e fomentar o crecemento económico da nosa bisbarra”, dixo. Aneiros tamén sinalou que a plataforma, que se desenvolverá en dúas fases, está situada “nun lugar privilexiado a nivel de comunicacións”, xa que dispón dun acceso á autovía Ferrol-Vilalba (AG-64), ten a estrada N-655 a menos dun quilómetro e está a 7 km do porto de Ferrol.

O proxecto da Plataforma loxística empresarial e portuaria de Mandiá trata de dar resposta ás demandas de solo na comarca de Ferrolterra, que inclúe as zonas de Ferrol, Eume e Ortegal. Nestes momentos tan só hai dispoñibles 140.784 m2 nos 14 parques industriais activos, e que suman en conxunto máis de 4,3 millóns de m2 de superficie útil.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/08/2026