A Xunta destaca a importancia da regulación da intelixencia artificial

A directora da Escola Galega de Administración Pública participou na clausura do XVIII Congreso da AEPDA, dedicado ao Dereito Administrativo na era da intelixencia artificial

Durante a súa intervención destacou o liderado de Galicia coa tramitación do Anteproxecto de lei para o desenvolvemento e impulso da intelixencia artificial
 

Santiago de Compostela, 29 de xaneiro de 2024

A directora da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), Sonia Rodríguez-Campos, destacou hoxe a importancia da regulación da intelixencia artificial durante a clausura do XVIII Congreso da Asociación Española de Profesores de Derecho Administrativo (AEPDA), dedicado ao Dereito Administrativo na era da intelixencia artificial.

Durante a súa intervención destacou as oportunidades e avances que ofrece esta nova tecnoloxía pero tamén fixo fincapé na necesidade de desenvolver un marco normativo na Comunidade Autónoma, en liña co regulamento europeo de IA, para xerar confianza na cidadanía e nos empregados públicos.  

Neste sentido, destacou o liderado de Galicia coa tramitación do Anteproxecto de lei para o desenvolvemento e impulso da intelixencia artificial, unha norma que permitirá fixar os principios éticos do deseño, adquisición, implementación e uso de sistemas de IA na Administración e que recoñecerá á cidadanía unha serie de dereitos en relación cos sistemas de intelixencia artificial empregados polo sector público.

Finalmente, incidiu na importante transformación que experimentarán as administracións nos próximos anos, tal e como recoñece a Estratexia Galega de Intelixencia Artificial 2030, que prevé que a intelixencia artificial mellorará o modelo de relación das administracións coa cidadanía a través do uso de datos que permitirán optimizar os servizos prestados e mellorar a fiabilidade na toma de decisións.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/01/2024