A Xunta e InvestiGal organizan o I Foro de Investigación Galega no Estranxeiro

O encontro, que se celebrará os vindeiros 8 e 9 de marzo en Bruxelas, ten como obxectivo intercambiar ideas e establecer relacións entre o persoal investigador galego no estranxeiro e o afincado en Galicia co fin de reforzar vínculos co ecosistema galego de I+D+i para animalo a que desenvolva a súa carreira profesional de excelencia en Galicia ou vinculada a ela

A Axencia Galega de Innovación aproveitou a xuntanza coa asociación para presentarlle o texto definitivo do decreto que regula a carreira investigadora na Administración pública galega, recentemente aprobado polo Consello da Xunta
 

Santiago, 29 de xaneiro de 2024

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain) da Xunta de Galicia, Patricia Argerey, reuniuse esta mañá con representantes da asociación InvestiGal: Rede Galega pola Investigación, que reúne a máis de 540 persoas asociadas. Na xuntanza coordinaron a celebración do I Foro da Investigación Galega no Estranxeiro, que se celebrará os vindeiros 8 e 9 de marzo en Bruxelas, co obxectivo de converterse no punto de encontro do colectivo de persoas investigadoras galegas no estranxeiro, e expúxose o texto definitivo do decreto que regula a carreira investigadora do persoal ao servizo da Administración galega, aprobado no Consello da Xunta do pasado 11 de xaneiro.

O I Foro de Investigación Galega no Estranxeiro, organizado conxuntamente pola Xunta e InvestiGal e enmarcado no Programa de Talento do Goberno galego, persegue establecer un punto de referencia que permita intercambiar ideas e establecer relacións entre o persoal investigador no estranxeiro e o afincado en Galicia; dar a coñecer a investigación que está a realizar este colectivo e manter o seu contacto con Galicia co obxectivo de que desenvolvan unha traxectoria de excelencia na nosa Comunidade. Así mesmo, servirá para dar a coñecer o ecosistema galego de I+D+i, representado pola Xunta e as tres universidades galegas, e visibilizar as oportunidades de retorno de talento á nosa Comunidade.

Decreto persoal investigador Xunta

A Xunta aproveitou o encontro para informar á asociación do texto definitivo do decreto que regulará a organización, promoción e carreira profesional do persoal de investigación ao servizo dos organismos de investigación da administración autonómica.

A norma, que ofrece un marco laboral estable e atractivo para este colectivo, mellorando e homoxeneizando as condicións destes profesionais e creando unha senda de desenvolvemento profesional para o persoal de investigación, aspira a contribuír a captar talento investigador na nosa Comunidade.

O decreto regula a xestión e organización do persoal, tanto investigador como técnico, de todos os centros e estruturas de investigación propios, incluídos os centros de investigación sanitaria e atende todas as etapas da actividade investigadora. Así mesmo, regula a mobilidade para mellorar a formación do persoal de investigación e facilitar a súa actividade en axentes públicos e privados do Sistema de Ciencia, Tecnoloxía e Innovación.

Co obxectivo de impulsar unha investigación de excelencia en Galicia, o decreto tamén establece un complemento retributivo en función dos fondos captados polo persoal de investigación en convocatorias competitivas. Por último, favorece a cooperación entre o tecido investigador e o tecido empresarial e facilita o desenvolvemento de actividades empresariais por parte do persoal de investigación.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/01/2024