A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitou hoxe en San Cibrao das Viñas as instalacións de Rodriguez López Auto, que participa neste programa

A Xunta ofrece á mocidade os apoios que necesita para iniciar a súa actividade laboral a través do Xuventude Mentoring na Empresa

A xente moza que participou nesta iniciativa contou con formación específica e realizou estadías formativas en empresas

San Cibrao das Viñas (Ourense), 30 de xaneiro de 2024

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, destacou hoxe a aposta que nos últimos anos se está a facer en Galicia por achegar á mocidade os apoios que necesita na súa transición á vida laboral. Fíxoo durante unha visita a Rodríguez López Auto, que participou no programa Xuventude Mentoring na Empresa no marco do proxecto presentado pola Asociación provincial de Empresarios da Construción de Ourense (ACO).

Cristina Pichel resaltou que a Xunta facilita a través do Xuventude Mentoring e o Xuventude Mentoring na Empresa as ferramentas necesarias á mocidade que acaba de terminar a súa formación académica para que acceda ao mercado laboral. En concreto, os participantes contan con acompañamento e asesoramento personalizado por parte de mentores, reciben formación específica para mellorar a súa empregabilidade, realizan visitas ás empresas para ampliar a súa rede de contactos e, no caso do Xuventude Mentoring na Empresa, levan a cabo practicas remuneradas.

Neste taller realizou a súa estadía formativa Jorge Kevin López Reyes, que tras o programa se insertou no departamento de almacén, co obxectivo a curto prazo de traballar na parte de fábrica. Ademais, outros tres mozos vinculados ao proxecto da Asociación provincial de Empresarios da Construción de Ourense tamén puideron quedarse a traballar nas empresas onde realzaron a súa estadía.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/01/2024