A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda asinou o convenio de incorporación de Conxemar á estratexia para afrontar o cambio climático

A Alianza galega polo clima acada xa os 100 membros trala adhesión de Conxemar aos compromisos de loita contra o quecemento global

Ángeles Vázquez agradece á asociación a súa colaboración na busca de sinerxías para aumentar a resiliencia de Galicia ao cambio climático e anima aos seus socios a unirse á alianza tamén a título individual
 

A vicepresidenta segunda salienta que a Comunidade aspira a ser máis verde e natural e converterse nun auténtico refuxio climático, o que contribuirá a protexer a saúde e o benestar dos galegos fronte aos riscos e efectos ambientais
 

O Executivo galego destaca a importancia de involucrar a todos os axentes socioeconómicos no obxectivo de concienciar sobre as consecuencias que a acción humana ten sobre o clima así como apostar pola sustentabilidade en todos os eidos
 

Vigo, 5 de febreiro de 2024
Compartir
  • whatsapp

A Alianza galega polo clima conta xa con 100 membros trala adhesión da Asociación Española de Maioristas, Importadores, Exportadores e Transformadores de Produtos da Pesca e da Acuicultura (Conxemar) ao compromiso de loita contra o quecemento global. Deste xeito a entidade -que conta con máis de 230 empresas asociadas, máis dun cento delas galegas- colaborará na creación de sinerxías para aumentar a resiliencia da Comunidade ante o cambio climático.  

A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, puxo en valor durante a sinatura do convenio de adhesión o fito de chegar ao centenar de entidades -entre as que se inclúen universidades, autoridades portuarias, clubs deportivos ou empresas- implicadas na adopción de medidas para frear os efectos do quecemento global. De feito, salientou que Galicia pode converterse nun auténtico refuxio climático e, por iso, animou aos socios de Conxemar a unirse tamén de forma individualizada á alianza.  

A responsable autonómica destacou a importancia de formar parte do obxectivo común de adaptación ou mitigación do cambio climático, de intercambio de información científica, tecnolóxica, socioeconómica e xurídica neste eido, de promoción da investigación vencellada co clima e de difusión de tecnoloxías para a transición cara a sistemas de enerxía de baixas emisións, entre outras cuestións.  

“Queremos facer de Galicia unha comunidade máis verde e natural e esta alianza permitiranos ser máis fortes na loita contra o cambio climático. Grazas a ela contribuiremos a manter e mellorar o seu capital natural así como a protexer a saúde e benestar dos galegos fronte aos riscos e efectos ambientais”, subliñou Ángeles Vázquez.  

Por iso, a vicepresidenta segunda agradeceu o labor dos membros da alianza, como Conxemar, pois convértense nunha parte activa no obxectivo de dar exemplo e concienciar sobre as consecuencias que a acción humana ten sobre o clima ao tempo que permiten avanzar a bo ritmo na aposta pola sustentabilidade.  

Nesta liña, Galicia ten avanzado moito nos últimos anos na loita contra o cambio climático pois desde 1990 reduciu un 34% as emisións brutas de gases de efecto invernadoiro e en 2021 foi a primeira comunidade en absorción de carbono con preto de 10 millóns de toneladas, o equivalente a unha de cada cinco toneladas absorbidas en todo o territorio nacional. 

De feito, Ángeles Vázquez apostou por manter esa senda no futuro e seguir sumando os esforzos de administracións e axentes socioeconómicos da comunidade para facela máis resiliente e acadar o antes posible a neutralidade climática. 

Conxemar

A Asociación Española de Maioristas, Importadores, Exportadores e Transformadores de Produtos da Pesca e da Acuicultura conta con 234 empresas asociadas -101 delas galegas- que suman máis de 9.000 millóns de euros de facturación anual e arredor de 17.000 empregos.  

A entidade está fortemente comprometida co medio ambiente pois ten a sostibilidade como un dos seus principais retos presentes e futuros. Nesta liña, está adherida desde 2021 ao Código de conduta da Unión Europea para as prácticas empresariais e de comercialización responsables no ámbito alimentario, unha cuestión que coincide coa súa visión estratéxica dunha industria de transformación e comercialización de produtos do mar sustentable en todos os sentidos.

 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 05/02/2024