O programa “Merlo”, apoiado por Emigración, abre mañá, día 7, o seu prazo de inscrición co obxectivo de mentorizar a 90 emprendedores galegos retornados

Esta iniciativa, que chega así a súa cuarta edición, busca apoiar e acompañar aos galegos retornados no desenvolvemento e consolidación dos seus emprendementos

O programa xurde da colaboración entre a Secretaría Xeral da Emigración e a Fundación Ronsel
 

Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 2024

programa “Merlo” de mentorización para emprendedores galegos retornados abre mañá mércores, día 7, o prazo de inscrición para aqueles interesados en participar nesta iniciativa que a Fundación Ronsel pon en marcha co apoio da Secretaría Xeral da Emigración e que chega así a súa cuarta edición e contará con 90 prazas. 

Este programa ofrece persoal de apoio de mentoría aos emprendedores galegos retornados de cara a o apoio e acompañamento no desenvolvemento e consolidación dos seus negocios ou actividades profesionais, “de xeito que poidan contar cunha maior garantía de éxito que favoreza a súa integración social e empresarial en Galicia”.

Esta iniciativa ten como obxectivo ofrecer un servizo de acompañamento por medio dunha figura dun mentor que reforce as súas habilidades e fortalezas para potenciar e consolidar os seus proxectos profesionais cunha maior garantía de éxito, contribuíndo así a mellorar a competitividade e produtividade do seu negocio en Galicia.

A Fundación Ronsel é unha entidade de carácter privado sen ánimo de lucro que ten como obxectivo o desenvolvemento e fomento económico galego, e, en particular, a creación de emprego, así como a mellora competitiva do tecido empresarial. Ten acreditada unha ampla experiencia no desenvolvemento de servizos de asesoramento para a orientación laboral e programas específicos dirixidos ás persoas migrantes, entre as que están incluídos os galegos emprendedores retornados.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/02/2024