A Xunta pon á spin-off Sense Aeronautics como exemplo do potencial da transferencia de coñecemento en Galicia

A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, participou xunto coa directora da Fundación Barrié, Carmen Arias, nunha xornada informativa sobre o programa Ignicia

Hoxe tamén se clausurou a primeira edición do ‘Programa de capacitación para a transferencia en Humanidades e Ciencias Sociais’, pioneiro en España

Santiago de Compostela, 7 de febreiro de 2024

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, resaltou hoxe o potencial do Programa Ignicia para promover a transferencia de coñecemento en Galicia durante a presentación da spin-off Sense Aeronautics do centro tecnolóxico Gradiant, que contou co apoio do programa na convocatoria de 2021, e que está centrada na análise de vídeo con intelixencia artificial para lograr que as operacións con drons sexan máis eficientes e seguras.

Ademais, tamén se informou dos nove proxectos seleccionados na Convocatoria Ignicia Proba de Concepto 2023, promovidos polas universidades da Coruña, Santiago e Vigo, a Fundación Profesor Novoa Santos, a Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, Gradiant e o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG).

“A creación dunha spin-off ou a firma de acordos de licenza son as metas que persegue a transferencia, é dicir, que os resultados da investigación cheguen ao tecido produtivo, de maneira que se valorice o investimento en ciencia, xerando impacto na sociedade. Pero para alcanzar este punto temos que percorrer todo un traxecto que pasa por financiar e apoiar os procesos de valorización, formar e profesionalizar ao persoal xestor de transferencia e ao persoal investigador, fortalecer as unidades de transferencia, visibilizar as capacidades do Sistema Galego de Innovación e monitorizar o propio sistema de transferencia para coñecer como evoluciona. Todos estes aspectos son abordados polo Programa Ignicia, que desenvolvemos coa colaboración da Fundación Barrié e que se caracteriza por apoiar a transferencia desde unha perspectiva global”, explicou Patricia Argerey.

Transferencia en Ciencias Sociais e Humanidades

A directora da Axencia Galega de Innovación e a directora da Fundación Barrié tamén participaron hoxe na clausura da primeira edición do Programa de capacitación para a transferencia en Humanidades e Ciencias Sociais do Programa Ignicia, dirixido a persoal investigador e a persoal xestor de transferencia, que é pioneiro en España. Impartida por Oxentia, entidade que naceu como división de Oxford University Innovation, líder mundial en transferencia, nesta acción formativa participaron entre outubro e decembro de 2023 un total de 30 alumnos. Neste acto entregáronse os diplomas aos participantes e informouse dos cinco proxectos mentorizados, liderados por profesionais das universidades da Coruña e Santiago e do Instituto de Ciencias do Patrimonio do Consello Superior de Investigacións Científicas (INCIPIT CSIC), que amosaron o potencial para a transferencia de coñecemento dos proxectos de investigación na área de Humanidades e Ciencias Sociais en Galicia.

Ignicia organiza accións formativas para que o persoal investigador adquira os coñecementos e habilidades que lles sirvan para liderar procesos de transferencia e tamén forma e asesora ao persoal xestor de transferencia para optar ao certificado RTTP (Registered Technology Transfer Professional), o estándar internacional para acreditar a competencia e experiencia daqueles profesionais que desenvolven a súa carreira no ámbito da transferencia de coñecemento e tecnoloxía.

Próximas accións Ignicia

Como complemento á formación proporcionada por Ignicia, a Axencia Galega de Innovación desenvolve en Galicia o programa estatal de dinamización e formación sobre procesos de intercambio e transferencia de coñecemento DINA-ITC, que promove habilidades profesionais relacionadas coa comercialización ou as estratexias de transferencia nas entidades científicas. O vindeiro 23 de febreiro terá lugar o seminario estratéxico Repensando o marco para a valorización de coñecemento nas estratexias e organización das entidades científicas, dirixido a equipos de goberno e persoal directivo destas entidades.

Ademais, seguiranse celebrando encontros  de transferencia e innovación que se verán reforzados coa plataforma Innovarede, que é un escaparate do ecosistema galego de innovación, que facilitará chegar máis facilmente a empresas e entidades. Tamén, no marco do Programa Ignicia, a Xunta de Galicia participará cunha delegación de entidades do ecosistema de innovación galego na décimo terceira edición do foro Transfiere, que se celebrará en Málaga do 20 ao 22 de marzo. Trátase do maior evento europeo sobre I+D+i e transferencia de coñecemento.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/02/2024