A Xunta promove as agrupacións forestais de xestión conxunta como fórmula ideal para poñer en valor o monte e optimizar o aproveitamento dos seus recursos

O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, participou nunha charla con veciños e membros das comunidades de montes veciñais do concello de Vigo para falar destas figuras incluídas na Lei de recuperación da terra agraria
 

O director xeral explicou que a Xunta convocou por primeira vez unha liña de achegas que ten por obxectivo o fomento destas agrupacións, cuxo prazo de solicitude está aberto, para a que se destinan preto de 2,4 millóns de euros
 

Vigo, 8 de febreiro de 2024
Compartir
  • whatsapp

O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, acompañado polo presidente de Montes de Vigo, Uxío González, e por un dos responsables da Asociación Forestal de Galicia, Daniel Rodríguez, participou nunha charla en Saiáns, no concello de Vigo, para falarlles a membros das comunidades de montes veciñais da cidade sobre as agrupacións forestais de xestión conxunta que está a impulsar a Xunta.

Estas agrupacións, recollidas na Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, promoven a unión de parcelas de forma voluntaria, cun requirimento mínimo de 10 hectáreas para poder constituílas mantendo a propiedade das parcelas, explicou o director xeral. Deste xeito, as fincas que se unen a ela non perden a propiedade e ao mesmo tempo permítese unha xestión conxunta dos recursos que nelas se atopan. Ademais, a existencia deste tipo de agrupacións na cidade contribuirían a reforzar a área de defensa pasiva contra os incendios forestais entre Vigo e Nigrán na que está a traballar a Xunta en colaboración coas comunidades de montes veciñais.

Na súa intervención, o director xeral puxo en valor a convocatoria de axudas para o fomento das agrupacións forestais de xestión conxunta e o asociacionismo forestal, cuxo prazo de presentación de solicitudes está aberto desde o pasado 15 de xaneiro, e que está dotada cun orzamento de preto de 2,4 millóns de euros.

Tres liñas de actuación
Segundo explicou José Luis Chan, estas achegas dispoñen de tres liñas de actuación. A primeira céntrase na organización de accións de divulgación que impulsen o coñecemento e poñan en valor a importancia estratéxica das agrupacións forestais de xestión conxunta. Para desenvolver esta liña, disponse dun crédito de 200.000 euros.

A segunda liña de achegas busca dar apoio ás asociacións sen ánimo de lucro que teñan como obxecto a comercialización conxunta de produtos forestais. Neste caso, o orzamento é de 400.000 euros e as actuacións subvencionables son a contratación de persoal técnico para a dotación e mantemento de infraestruturas para o desenvolvemento da actividade de comercialización e para o equipamento técnico e materiais necesarios para levala a cabo.

O director xeral resaltou que se lle dará prioridade como beneficiarios desta segunda liña de axudas ás asociacións de produtores de madeira (PROMA), ás que tamén poden optar outras entidades sen ánimo de lucro que teñan como obxecto a comercialización conxunta de produtos forestais e empresas ou persoas individuais executoras das actuacións obxecto de subvención inscritas no Rexistro de Empresas do Sector Forestal (Resfor).

A terceira das liñas de axudas destínase concretamente á creación e apoio das agrupacións forestais de xestión conxunta a través de calquera figura xurídica de natureza civil ou mercantil que promova, impulse e poña en marcha iniciativas de xestión conxunta sustentable e diversificada de terreos dedicados á actividade forestal. A asignación orzamentaria para esta liña de axudas é de case 1,8 millóns de euros.

As actuacións subvencionables serán aquelas que se precisan para a constitución, ampliación e xestión dunha agrupación forestal de xestión conxunta, como son os gastos de tramitación e inscrición da entidade solicitante, revisión do parcelario e estado das parcelas, investigación da titularidade, adhesión expresa a referentes de boas prácticas e aos modelos silvícolas ou de xestión forestal orientativos, inscrición no Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas, implantación dos sistemas de certificación internacionalmente recoñecidos e incorporación de servizos ecosistémicos e boa gobernanza das sociedades de fomento forestal (Sofor).

 

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Medio Rural
Data de actualización: 08/02/2024