Lete Lasa destaca a importancia da clásica nacional de BTT A Gran Bikedada nun dos mellores momentos da historia do ciclismo galego

O secretario xeral recoñece a dureza da proba asegurando que ‘A Gran Bikedada’ “é para todos, pero non é para calquera” e destaca as catro distancias diferentes, así como a novidade de competir na subida de tres picos, o que será a ‘Tripla Coroa’

Compartir
  • whatsapp

Vigo, 9 de febreiro de 2024

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na mañá de hoxe na presentación da gran clásica nacional de bicicleta de montaña A Gran Bikedada 2024 que o vindeiro 18 de febreiro celebrará a súa décima edición. O responsable de deporte do Goberno galego destacou o lema da proba ciclista “un reto á túa medida” para resaltar que “a Gran Bikedada é para todos, pero non é para calquera”.

Neste sentido, Lete Lasa destacou a dureza da proba que pasará ata por sete concellos -Vigo, Redondela, Mos, Pazos de Borbén, Soutomaior, Fornelos de Montes e Ponte Caldelas- e, como novidade, este ano, encadeará tres tramos cronometrados en subida no que xa pasou a denominarse como a ‘Tripla Coroa’. Estes tramos cronometrados serán os 4,3 km. entre a aldea de Castiñeira (Redondela) e Amoedo (Pazos de Borbén); os 5,5 km. entre Castro Bardudo e alto dá Penarada (Ponte Caldelas); e os 3,8 km. entre os montes de Calvos (Fornelos de Montes), Moscoso e A Ermida (Pazos de Borbén).

Os máis de 700 participantes da Gran Bikedada 2024 non terán que subir os tres picos, polo que a proba propón catro distancias para os deportistas que se inscriban podendo escoller entre o medio fondo (42 km e sen subidas cronometradas), fondo (69 km e unha subida cronometrada, a Coroa), gran fondo (98 km e dúas subidas cronometradas, a Dobre Coroa) e ultrafondo (110 km e tres subidas cronometradas, a Tripla Coroa). Lete Lasa destacou os nomes dalgúns competidores que tomarán a saída o vindeiro día 18 como o campión de La Vuelta a España 1986, Álvaro Pino, ou o campión do Tour de Francia 2006, Óscar Pereiro que competirá na Gran Bikedada como preparación para o Titan Desert, unha das probas máis duras do ciclismo internacional.

O secretario xeral destacou o incremento das licenzas deportivas de ciclismo que hoxe xa son preto de 8.500 en Galicia, sumando tamén as de cicloturismo, cando en 2009 eran tan so 1.700. Lete Lasa tamén sinalou a importancia de contar cun dos mellores equipos profesionais feminino, como o Team Farto BTC, o que posibilita que as licenzas femininas tamén medren e, como indica o Barómetro da Bicicleta, que hoxe máis da metade das mulleres usen a bicicleta en España. Do mesmo xeito, Lete Lasa lembrou a importancia das 33 etapas da Vuelta Ciclista a España que pasaron por Galicia nos últimos dez anos e as catro etapas galegas recentemente anunciadas para a ronda española de 2024. Asemade, a terceira edición da carreira profesional ‘O Gran Camiño 2024’ volverá traer a Galicia en febreiro aos mellores equipos do mundo.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 09/02/2024